#Claves de la semana
SEGÚN A TESE DE ÁLVARO GARCÍA

O 25% das granxas galegas de vacún de carne non son rendibles sen apoio público

A Escola Politécnica Superior desenvolve unha ferramenta informática baseada na lóxica difusa para analizar a competitividade das explotacións gandeiras


|

Álvaro García Corral


A cuarta parte das explotacións gandeiras galegas de vacún de carne adheridas ao Contrato de Explotación Sostible presentan un grao de profesionalización moi baixo e ausencia de rendibilidade se non perciben apoio público, segundo se desprende da investigación desenvolvida polo enxeñeiro agrónomo lugués Álvaro García Corral na tese de doutoramento ‘Análise e tipificación de explotacións de bovino de carne en Galicia mediante un método baseado na lóxica difusa’, que vén de presentarse no edificio Cactus do campus de Lugo.


Alén dos resultados, o carácter innovador desta investigación aplicada e de perfil tecnolóxico dirixida conxuntamente por Francisco Sineiro, profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC na Escola Politécnica Superior, e Ricardo J. Bendaña, do Departamento de Enxeñaría dos Materiais, Mecánica Aplicada e Construción da Universida de Vigo, reside no desenvolvemento dunha nova ferramenta informática que posibilita aplicar unha metodoloxía de análise e tipificación das explotacións gandeiras baseada na lóxica difusa.

A aplicación desenvolvida por García Corral é de libre acceso e procesa 250 reglas diferentes, co que simula o razoamento dun experto mediante unha secuencia de algoritmos. Outra das vantaxes desta ferramenta é que pode ser empregada por persoas sen coñecementos previos de informática, xa que a acción do usuario limítase a introducir os valores correspondentes a unha determinada explotación, tralo que recibe de xeito automático unha valoración da súa competitividade e das variables asociadas a ela.

Unha vez completado o deseño desta ferramenta informática, o investigador empregouna para analizar e tipificar a actividade económica das explotacións de vacas de carne adheridas en Galicia ao Contrato de Explotación Sostible, un estudo no que, en función dos datos obtidos, clasificación as ganderías en tres grupos. O primeiro, que abrangue un 25% das 128 explotacións analizadas, caracterízase pola baixa profesionalización, nula rendibilidade e dependencia de subvencións públicas.

As características que definen o segundo grupo, que inclúe o 32% das explotacións estudadas, son que se trata de granxas viables desde o punto de vista económico, aínda que cun grao de rendibilidade moi baixo, polo que tal actividade pode considerarse secundaria na renda familiar. As granxas incluídas no terceiro grupo, que agroma o 43% das explotacións estudadas, teñen capacidade para competir por consumos intermedios, soportan o custe laboral dun traballador a tempo completo e poden ser actividade principal na renda familiar, conclúe García Corral.

Este investigador sinala asemade que as subvencións correntes da Política Agraria Común (PAC) non distorsionan a competitividade das explotacións, ao tempo que indica que as axudas ligadas ao densenvolvemento rural teñen un efecto redistributivo. Este enxeñeiro agrónomo entende ademais que aínda que os datos analizados corresponden a 2010, a situación actual non depara grandes cambios respecto aos resultados obtidos no seu estudo.

Tribunal e cualificación
O catedrático da área de Tecnoloxía de Alimentos da Universidade de Vigo Francisco Javier Carballo García presidiu o tribunal encargado de cualificar a tese presentada por Álvaro García Corral e que mereceu a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.

O tamén catedrático da Universidade de Vigo Juan Carlos Mejuto Fernández, a profesora da Politécnica de Valencia Olga María Moreno Pérez, e os profesores da USC María Luz Loureiro García e Melchor Fernández Fernández, que actuou como secretario, completaron o tribunal. 

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE