A historia non contada de Cesáreo González

José Luis Fernández Díaz
Colaborador

Nacido en Ourense en 1967. Estudou Maxisterio por Ciencias,especialista en Música. 

Licenciado en Ciencias Matemáticas especialidade de Estadística e Investigación Operativa na UNED.

Postgrado de Experto Universitario en Modelización de Riscos en Entidades Financieiras. 

Escrebo en varios diarios de Galiza, nalgúns co pseudónimo de José Luis Fernández Carnicero.

Mestre de Educación Musical no C.E.I.P. Calvo Sotelo (Carballiño).

Membro da Sociedade cultural: O Liceo de Ourense.

Membro do Consello Escolar de Galiza e do Consello Escolar Municipal de Ourense.

Para as novas xeracións, descubrir a figura de Cesáreo González pode ser de moito interés. Intrépido, arriscado e claro apostador pola vida, pode servir de exemplo a todos aqueles que con poucos recursos non lles queda outro remedio que sufrir a emigración. Esa lacra que semella non ter final, móvese dun continente a outro, fuxindo da miseria sen pausa e sen esperanza.


Cesáreo naceu en Vigo e era fillo de Claudio de Santo Estevo e Celsa de Espartedo, ambos do Concello de Nogueira de Ramuín. Claudio era ferreiro de profesión e na parroquia de Santa Cruz de Rubiacós tiña o seu negocio. En 1898 decide trasladarse a Vigo para facer parrillas para os barcos. Cesareo tiña outros irmaos: Manolo, que emigra a México; Arturo, que como empresario destacou pola súa productora “Regia Films”, e dúas irmás de nome Alicia e Consuelo. 


De todos, o que sempre destacaba era o Cesáreo. Inquedo e traste até límites non previstos, o seu pai Claudio, púxoo a traballar de “mutilo” cun tal “Carroleiro”. Os mutilos eran os aprendices dos afiadores. Poren Cesáreo, ben mandado, aprende con rapidez as malas artes dos afiadores. O “Carroleiro”, que facía a súa ruta por Portugal, era todo un experto coa roda de afiar. Pola súa parte o mutilo Cesáreo, encargábase de avisar da chegada do afiador, de buscar onde durmir, de tomar en préstamo uns ovos para poder comer, ou no mellor dos casos, de amarrar unha pita dun veciño despistado.


O tempo pasou e ao ver que os resultados non eran os mellores, por consello da nai do bispo Eijo y Garay (amigos da familia), sacaron ao neno Cesáreo das mans do “Carroleiro”. Deste modo, Cesáreo foi ao seminario coa meta de converterse nun home de proveito; pero iso de ir para cura non ía con el. Con todo, ocupouse en aprender as artes máis escuras do clero para poñelas en práctica. Pasado algún tempo, convence á súa nai de facerse futbolista no Deportivo da Coruña, deixando para sempre o seminario. Para elo a súa nai Celsa dalle 500 pesetas, que nunca cumplirían o obxectivo inicial. Ninguén sabe o que lle aconteceu á metade do camiño á Cidade Herculina, pero algo fixo que con ese diñeiro partise para Cuba nun barco. 


Anos máis tarde contaría a historia no film “Polizón a bordo”, a pesares de mercar a pasaxe e non ir de polizón como moitos cren.


Chegado a Cuba, Cesáreo traballa de quincalleiro, pero gañaba moito máis xogando ao póquer. A vida é moi cara para manter o ritmo que lle impón Cesáreo. Tan cara que cando a “racha” de gañar partidas tórnase en derrota, ten graves problemas que o obrigan a abandonar a illa caribeña. Con destino México, o seu tío Manolo deixa nas súas mans a rede de panaderías, ás que con habilidade muda o seu nome polo de “Ría de Vigo”. 


En México non faltaron as liortas nas que a miudo participaba Cesáreo. Sen querelo, namórase da súa prima, o que non aprobará nunca o seu tío e isto crearalle un conflito familiar moi importante. Sen embargo, casar casa ben, e para toda a vida. Parecía que esta nova situación, cos negocios funcionando moi ben, lle darían certa estabilidade á súa vida, pero decide en 1931 voltar para Vigo cun capital de un millón de pesetas. Establécese na rúa Príncipe cunha axencia de publicidade, e xunto co seu cuñado montan unha sala de festas: “Savoy”. Ao Cesáreo resultáballe moi complicado vivir sen festa en sen apostas. As “timbas”, que eran habituais naquela época entre ricos e non tan ricos, servían para Cesáreo de válvula de escape a todos os seus soños.


En 1940 coñece a un produtor de cinema que ía rodar un film en Vigo, e convídao a apostar nunha desas timbas habituais para el. Cesáreo gaña todos os dereitos do film e o diñeiro da rodaxe. Así, desde hoxe coñecemos como Cesáreo se interesou polo tema do cine, pero o que descoñecemos é a aposta que fixo Cesáreo. Non resulta difícil supoñer que a propiedade dos negocios, que aquel día penduraron dun fío. A “racha” fixo que desta vez saíse ben a cousa.


Cesáreo seguiu adiante coa rodaxe do film “El famoso Carballeira” dirixido por Fernando Mignoni e un ano máis tarde rexistra en Madrid a coñecida productora “Suevia Films” (empresa unipersonal), na que o dono toma cada unha das decisións, contratos e proxectos a desenvolver.


Toda unha vida arriscando e apostando logrou que Cesáreo González estivese á fronte de grandes iniciativas con moita repercusión social. Promoveu a posta en funcionamento de Citröen en Vigo, foi presidente do Celta de Vigo e da Federación Galega de Fútbol (que logo se trasladou á Coruña).Tivo negocios en México como produtor de cine e a nivel nacional, grazas á súa amizade con Ramón Franco, tivo o beneplácito do Réxime. 


Entre os artistas da copla a máis prezada por Cesáreo sería Lola Flores, coa que asinou un contrato de exclusiva por un valor de 8 millóns de pesetas. Fixo tamén importantes contratos con Carmen Sevilla, Marujita Díaz, Paquita Rico, Joselito ou Marisol entre outros.


Cesáreo finou en Madrid como consecuencia dun cancro de pulmón. A súa última aposta tamén deu de falar. Asinou con Berlanga un contrato de moito diñeiro para catro films. Foi o seu derradeiro órdago a un Réxime totalitario que sempre se gabou de ter unha produtora de cinema propia, e que ollaba cara outro lado cando Suevia Films producía películas en México. Xa se sabía..., eran cousas do Cesáreo. 

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Más opinión
Opinadores

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE