#Claves de la semana
SANTIAGO DE COMPOSTELA

Os gandeiros retomarán o luns as protestas contra os baixos prezos do leite

A plataforma en defensa do sector lácteo galego, despois de reunirse hoxe coa conselleira de Medio Rural, Anxos Vázquez, confirmou que se retomarán as mobilizacións


|


En declaracións aos medios de comunicación tras o encontro desta tarde, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, sinalou que o luns darán comezo as mobilizacións, pero aínda con todo valoraron a posición da nova titular do ramo, que lles ofreceu "medidas a curto, medio e longo prazo".


García, despois da reunión que finalizou preto das dez da noite, considerou que o diálogo con Anxos Vázquez é "moi distinto" que coa súa predecesora e agora conselleira de Mar, Rosa Quintana, porque "pasamos dunha conselleira que negaba o problema a unha que comparte a frustración" pola situación do colectivo.


De todos os xeitos, emprazou a "esperar" para comprobar se a intención que mostra o Executivo galego de "liderar" o problema non queda "nun simple compromiso" e, polo tanto, ten "efectos prácticos".


García denunciou que as distribuidoras e as industrias están "a incumprir de forma manifesta" o convenio rubricado.

A firma do pasado setembro non supuxo, tal e como expuxo, a subida de "nin un só céntimo" para os gandeiros, mentres que "incumprir" o asinado "sae gratis" para estes dous elos da cadea mencionados, xa que nin o Ministerio nin o Goberno galego impoñen "sancións".


Ante esta situación, os representantes dos gandeiros avanzaron que as mobilizacións ás que volverá o sector desde o vindeiro luns centraranse en "presionar" aos principais culpables desta situación, que son as empresas distribuidoras, segundo explicou Anxo Escariz, portavoz da OPL.


En concreto, avanzaron que as protestas serán contra as empresas que realizan unha estratexia comercial máis "agresiva e brutal" e realizaranse nas principais cidades da Comunidade, como Santiago, Pontevedra, Vigo, Ourense ou Lugo, enumeraron. Tamén levarán a cabo, avanzaron, xornadas pedagóxicas nos centros comerciais para "concienciar" á cidadanía. E, de non emendarse o problema, dixo Escariz, continuarán as manifestacións e a intención é volver sacar os tractores á rúa en Compostela e A Coruña, sedes da Xunta e da Delegación do Goberno, respectivamente.


A conselleira, mentres, remarcou que o seu compromiso é demandar ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente que se cumpra o convenio, e sinalou, así mesmo, que accede á creación da citada mesa de seguimento.

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE