
Chiussi, Mato e Murota
Prorrogar o acordo de cooperación académica e científica entre o Research Institute of Electrical Communication, RIEC, da Universidade de Tohoku en Sendai (Xapón) e a Universidade de Vigo, e en particular co Grupo FA3 Novos Materiais, e planificar futuras cooperacións.
Estes son os obxectivos centrais da visita que o profesor xaponés Junichi Murota realiza estes días á institución académica viguesa, á que chega da man de Stefano Chiussi, docente e investigador do grupo de Novos Materias do Departamento de Física Aplicada.
Murota volve a Vigo tres anos despois da súa última visita para prorrogar o acordo académico asinado entón entre o RIEC e a Universidade de Vigo e tamén para visitar o laboratorio láser do Grupo de Novos Materias co obxectivo de “avaliar a súa adaptación para poder manipular mostras procedentes das súas salas brancas e así realizar conxuntamente dispositivos microelectrónicos”, explica Chiussi.
Murota e Chiussi mantiveron esta mañá un encontro co reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, no que lle achegaron os avances nunha relación, que o investigador da institución académica viguesa considera
“moi proveitosa e que nos axudou a remodelar o noso laboratorio para estar á altura de centros de investigación de prestixio internacional, investigar materiais e sistemas anteriormente inalcanzables, tanto por prezo, como por complexidade, e sobre todo abrir moitas novas cooperacións con centros de Alemaña, Francia e Xapón”.A planificación e avaliación para unha mellor coordinación cara á asistencia aos congresos máis destacados no ámbito do procesamento de dispositivos microelectrónicos e optoelectrónicos baseados no silicio e no xermanio, foi outra das cuestións abordadas ao fío da visita de Junichi Murota.
Un centro de referencia para o desenvolvemento de novos dispositivos
O Research Institute of Electrical Communication da Universidade de Tohoku é un dos centros de referencia para o desenvolvemento de novos materiais e dispositivos en microelectrónica, spintrónica e optoelectrónica, así como toda a tecnoloxía relacionada coas telecomunicacións actuais e futuras.
“Ser un centro de referencia nun país de referencia para este tipo de tecnoloxía xa nos revela a importancia que ten para o noso grupo a cooperación e sobre todo a súa continuidade no tempo”, explica Chiussi. O integrante do Grupo de Novos Materiais asegura que os contactos de Murota en Xapón e no ámbito internacional estanlles a permitir introducir as técnicas láser que desenvolveron en procesos estudados por outros centros de excelencia,
“o que abriu novas liñas de investigación como as de novos materiais para fotónica e esperamos que tamén abrirán nos campo dos biosensores avanzados, LabOnChip o microelectromecánicos (MEMs)”, explica.
A liña de investigación do Grupo de Novos Materiais que ata o de agora máis se beneficiou da colaboración co científico xaponés é a da micro, nanoelectronica e fotónica,
“aínda que o noso propósito a medio prazo é aproveitar a nosa experiencia en biomedicina para combinar ambas liñas e entrar no mundo dos biosensores avanzados de tipo LabOnChip”, apunta Stefano Chiussi.