DESENVOLVERASE NA PRAZA DE ESPAÑA ENTRE O 22 E O 24 DE SETEMBRO

O Pont-Up Store converterá Pontevedra na capital do emprendemento

|

Axudar aos novos e novas emprendedores no inicio da súa traxectoria empresarial e contribuír a espallar a “cultura emprendedora” entre a sociedade son, como salienta o profesor Pedro Figueroa os dous obxectivos principais do Pont-Up Store, o evento que o vindeiro mes de setembro tratará de converter a Pontevedra “na capital do emprendemento creativo”

 

Esta será a terceira edición deste espazo de emprendemento, que mantén aberto o prazo de presentación de candidaturas para todas aquelas iniciativas empresariais con menos de tres anos e medio de traxectoria que queiran dar a coñecer os seus produtos e servizos no evento que se desenvolverá entre o 22 e o 24 de setembro na Praza de España. Con tres modalidades de participación de carácter gratuíto, os emprendedores poderán optar a ocupar un dos 36 postos reservados para eles na carpa do evento, así como a promover as actividades de dinamización que completarán o programa ou a presentar o seu proxecto ante diferentes representantes empresariais.


Baixo o lema de Movemento Up!, que busca plasmar o “dinamismo e o optimismo dos emprendedores”, a terceira edición do evento promovido pola Universidade, co Concello de Pontevedra como patrocinador principal, presentouse este xoves na propia Praza de España. “Despois do éxito das anteriores edicións, iniciamos esta terceira con ilusión redobrada, para converter o Pont-Up Store na referencia do novo emprendemento e nunha ferramenta útil para a consolidación de proxectos emprendedores”, salientou Figueroa, director dun evento que, como engadiu o reitor, “forma parte do corazón e a alma” do proxecto de especialización CREA S2i e "co que se implica o campus en pleno”. Un evento que só é posible, lembraron, grazas á colaboración de diferentes empresas e institucións, representadas tamén nunha presentación na que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou o valor de poder “levar ao espazo público a creatividade e capacidade emprendedora das empresas galegas”. O vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho; o catedrático Carlos Hervés, coordinador de Ecobas   a única agrupación estratéxica do ámbito xurídico social recoñecida pola Xunta e da que forma parte o grupo de investigación que dirixe Figueroa; a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías; os responsables de Negocios en Pontevedra e Negocio Institucional de Abanca, José Luis Matos e José Manuel Nogueira; sumáronse tamén á posta de longo deste terceiro Pont-Up Store, que se completou cunha solta de globos que simbolizaba esa idea de “espallar a cultura emprendedora”.


Tres alternativas de participación gratuíta


O Pont-Up Store contará con tres modalidades de participación gratuítas para empresa constituídas nos últimos 42 meses. Dúas delas manteñen aberto o seu prazo de inscrición ata o vindeiro 30 de xuño, data límite tanto para optar un dos 36 postos que se instalarán na carpa como para presentar unha serie de “propostas de dinamización do encontro”, que se sumarán ao seu programa.


 A estas dúas opcións sumáselles unha das novidades desta edición, o Puntazo Exprés, unha iniciativa nacida a raíz do programa da Concellería de Promoción Económica Pontevedra ten un Puntazo, que levará aos dez emprendedores seleccionados a presentar os seus proxectos diante “empresarios de relevancia de diferentes sectores”. Neste caso, o período de presentación de candidaturas abrirase entre o 1 e o 15 de setembro e, ao igual que nas outras dúas modalidades, corresponderá ao comité organizador a selección de proxectos, en base a criterios como o seu grao de innovación, a sustentabilidade e valor social das propostas ou a súa creatividade. Así mesmo, segundo explicou a organización, daráselle prioridade as candidaturas que non participaran nas dúas edicións previas e buscarase tamén promover a diversidade de produtos e servizos, sectores e formas xurídicas da empresa.


Tres días para espallar a cultura emprendedora


O acto deste xoves serviu tamén para dar conta dalgunha das novidades que formarán parte da "programación creativa, innovadora e divertida" deste Pont-Up Store e que, como explicou Figueroa, “son froito das ideas de mellora que recollemos na enquisa de satisfacción que os participantes nos achegaron o ano pasado e que quixemos plasmar no novo programa” co propósito, engadiu, "de superar as cifras de participación de empresas e de visitantes, o que é un reto difícil".

O evento arrincará cunha xornada previa o xoves 23 de setembro, que se abrirá cunha sesión de música e mindfulness, e na que botarán a andar as actividades formativas, como as conferencias, encontros e talleres sobre cooperativismo, economía social, financiamento ou internacionalización, que se desenvolverán ao longo dos tres días do evento, así como o Pont-Up Store Fab Lab, un obradoiro de fabricación de obxectos con impresoras 3D. A estas iniciativas sumarase, propostas como o Meeting Room, un espazo de networking para participantes nas tres edicións deste evento, a actividade Erasmus Emprendedor ou o encontro de emprendemento no ámbito musical, así como as actividades de dinamización ou actuacións musicais que completarán o evento que o sábado 24 acollerá a entrega de premios aos mellores proxectos e unha maratón de emprendemento creativo. 

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condiciones de uso Consejo editorial
Powered by Bigpress