Un día ao outro lado da urna

|

Urna


Os que somos despistados e os que nos custa erguernos facemos unha cousa que a outros os crispa, e é que poñemos sempre máis dunha alarma para que nos avise de que chegou a hora. Como esta ía ser a miña primeira expericia detrás dunha mesa electoral, sobra dicir que repliquei ese hábito -por outro lado, tan desagradable para quen pode quedar na cama e non deixa de escoitar como soa o móbil alleo-.


Así que, eu, que son coma un reloxo, estaba na porta do colexio electoral dez minutos antes da hora marcada, cando aínda nas emisoras de radio non se comezara a falar do tema principal da axenda do día. E co sol comezando a se ensinar por detrás dos montes que limitan polo leste a miña parroquia, o funcionario, aínda máis dilixente ca min, xa tiña as papeletas colocadas e o papeleo listo para cubrir.


Con este panorama, os votos máis madrugadores non foron os das persoas que agardan ás portas a que dean as 9 da mañá, senón que chegaron por correo certificado coas urnas aínda baleiras e pechadas. O resto dos electores foron chegando pinga a pinga durante toda a mañá e toda a tarde.


Coegioelectoral


Se non fose porque non aceptamos como identificación válida a tarxeta sanitaria -a de máis uso no día a día, caso real- semellaría que viñan coa cita pedida. Os veteranos do meu colexio electoral defenden unha hipótese que lle dá nos dentes a quen cre na separación de Igrexa e Estado: “agora non hai cura nin misa ás 12, e cada un vén cando lle parece”. Din os ‘analistas’ que, ata hai ben pouco, a xente achegábase á urna como se viñese arrastrada por dúas únicas ondas: antes da misa e entre a misa e o vermú.


Convencéronme. Como convencidos me pareceron toda esa ristra de votantes que repetían un detrás doutro aquel estribillo sen autor coñecido de “non volvo máis! Que fagan o que queiran e se amañen entre eles, pero que non se rían máis de nós!”. Outros, manterán as súas liñas vermellas todas as veces que sexa necesario: “a este non, que lle hai que andar pedindo permiso para queimar”. Foi dos argumentos máis intelixentes que oín en tempo, fóra de calquera tópico de barra de bar.


A isto debe ser o que lle chaman na prensa ‘normalidade’. Tamén o acepto. As cifras cadráronnos sen enxeñaría no escrutinio, que é onde desconfiamos que pode ocorrer a ‘maxia’. Unha noticia agradable para a funcionaria de Correos encargada de recoller as actas de todas as mesas da zona, pois parece ser que non en todas teñen sona de rematar cedo. “Nós xa cumprimos”, como din os veciños. A próxima vez tocará do outro lado da urna.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial
Powered by Bigpress