A nai de Diana Quer cre que a súa filla podería estar nos EEUU
Diana López, nai de Diana Quer, vén de solicitara SOSdesaparecidos que inicie unha alerta de procura da súa filla en EEUU. Joaquín Amills, presidente de SOSdesaparecidos, confirmou a Antena 3 que está a piques de entrar en vigor unha alerta internacional centrada nos estados de Tenesse, Virgina, Carolina do Norte e do Sur e Florida, seguindo unha hipótese da nai da moza que pensa "que podería estar nun destes estados con vida", informa a canle na súa web.
A alerta para os EEUU chega despois de que se lanzara a noticia da desaparición a toda Europa por parte de SOSdesaparecidos. Joaquín Amills tamén confirmou ao diario El Español que a extensión da alerta está motivada polos "recursos" dos que disporía Diana Quer para moverse ao estranxeiro, toda vez que a nai da moza insiste en que a súa filla está "retida en contra da súa vontade" e descarta totalmente unha marcha voluntaria.
Malia todo, os investigadores non pechan a porta a ningunha hipótese e as últimas informacións sobre o caso apuntan ao avistamento de Diana Quer no porto de Taragoña, acompañada doutros tres mozos. Alí baixaría dun coche para montar noutro, onde a esperaba, segundo as últimas informacións aparecidas en diversos medios de comunicación en base a declaracións de presuntas testemuñas, "un home de mala pinta". Non obstante, a nai da moza desaparecida restou credibilidade a estas informacións.
Escribe tu comentario