​Camilo de Dios: “Son un home sen ideoloxía, só rebeldía”

|

Equipocamiloultimoguerrilleiro

Camilo co equipo do documental 'Camilo: o último guerrilleiro de Galicia'


A Casa da Cultura de Xinzo de Limia foi o espazo escollido por Alba Sánchez, Juan Pirola, Miguel García e Pedro Iglesias para a preestrea do documental ‘Camilo: o último guerrilleiro de Galicia’, unha peza audiovisual que conta a historia do loitador antifranquista de Sandiás.


Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega, tomou a palabra durante a presentación para mostrar o seu agarimo cara ao histórico guerrilleiro galego, que estaba entre os presentes no auditorio.


Montero mostrouse “convencido” de que “Camilo de Dios é unha das persoas máis humildes do mundo”, e amosou o seu enfado cara a unha sociedade que “non premia aos bos”, poñendo como exemplo a Medalla Castelao coa que a Xunta premiou á filla do “ministro franquista” Manuel Fraga, ou a entregada ao “fascista” Moure Mariño.


“Quen trouxo a democracia a este país foi Camilo de Dios”, dixo o presidente da RAG, ao tempo que eloxiou o traballo dos catro estudantes de Comunicación Audiovisual n’A Coruña: “os rapaces saben onde están os valores cívicos e humanos”.


Montero finalizou un discurso cargado de sentimento facendo unha chiscadela á vila que acolleu a preestrea: “a capital da dignidade mundial está hoxe en Xinzo”.


Pola súa banda, o presidente de honor do Partido Comunista de Galicia, Manuel Peña Rey, destacou a gran cantidade de xente reunida no auditorio, aínda que puntualizou que “debería haber un millón de persoas”. O histórico líder comunista confesou coñecer a Camilo de moitos anos, e incidiu en que seguen a ser “amigos e camaradas ata hoxe”, en parte porque comparten a mesma ideoloxía anticapitalista, en palabras de Peña Rey, “o capitalismo vai acabar con nós”. Sumouse ademais aos eloxios polo traballo realizado polo equipo de ‘Camilo: o último guerrilleiro galego’, e defendeu “un traballo sobresaínte para un home sobresaínte”.


Tamén a parlamentaria de En Marea, Eva Solla, participou nesta presentación, facendo fincapé na “valentía, esforzo, traballo e dedicación” do traballo, que son “principios que defendemos as comunistas”, ao tempo que incidiu na necesidade de “preservar a memoria histórica”.


Evasollapearey

Eva Solla con Manuel Peña Rey


A deputada galega aproveitou para censurar que en España “non se recoñece nin se loita por atopar aos desaparecidos do franquismo”.


A produtora da cinta, Alba Sánchez, definiu o proxecto como unha “aventura ambiciosa”, e afirmou que “non querían só sacar unha boa nota” senón facer un bo traballo, que acabou estendéndose ao longo dun ano. A moza dixo que, para ela e o equipo, “Camilo representa os intentos de soñar cun mundo novo, un mundo máis xusto”, e mostrou a súa admiración polo feito de que despois de “anos de tortura e cárcere”, Camilo “non deixara atrás os seus principios” e, na liña de Montero, fixo fincapé na humildade dun home que representa a “historia viva” pero que segue a insistir en que el “non ten nada que contar”.


CAMILO


O último guerrilleiro galego subiu ao escenario reticente, entre aplausos dun auditorio ao que Camilo agradeceu “o cariño”. Botou man da retranca tan pronto lle deron o micrófono: “dixéronme tantas cousas que xa case estou no ceo”, causando as gargalladas dos que agardaban con impaciencia as palabras do protagonista da cinta.


Camilo adentrouse logo en explicar de forma concisa, cunha oratoria clara, viva e elocuente, os seus anos na guerrilla, que non se chamaba tal ata o 1943, pois antes eran “os do monte” ata a súa organización. Recordou os seus anos de cativo, cando a súa casa servía de ‘enlace’ a guerrilleiros, dándolle asilo, comida ou fornecéndolle aquilo que precisaran. “Eu ía ao xastre, ao zapateiro e facía os recados; non podía ir ao comercio comprar cinco camisas porque desconfiarían”. Ademais di que todo isto o facía “sen ideoloxía, só rebeldía”, algo que repite no documental, no que reivindica con humildade a súa falta de interese na política.


Defendeu tamén que na familia guerrilleira “nunca atacamos á Garda Civil nin demos un tiro na caluga”, e relatou como se tiñan que “tirar ás cunetas” se vían unha parella de gardas aínda que “con dous bofetóns xa caían tombados”. 


Camilo rematou de falar pronto, evitando o protagonismo, e finalizou a súa intervención coa mesma retranca coa que a empezou: “Ides decepcionarvos coa 'película', non sae John Wayne”. 

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial Publicidad
Powered by Bigpress