#Claves de la semana

O Parlamento constitúe este mércores as comisións e a Deputación Permanente

A 8 días da investidura de Feijóo, a Cámara avanza na activación da X lexislatura.


|


Parlamentoxlexislatura



O Parlamento de Galicia segue avanzando esta semana na activación da X Lexislatura antes de que o próximo día 10 de novembro se celebre o pleno de investidura no que sairá elixido por terceira vez Alberto Núñez Feijóo como presidente do Executivo galego.

O seguinte paso adiante que levarán a cabo as súas señorías será este mércores coa constitución das 14 comisións da Cámara (regulamentarias) e entre as que se atopan as comisións sectoriais, nas cales se debaten de forma detallada os asuntos antes de ser elevados ao pleno, así como outras cuestións de ámbito máis local. Como é habitual, a Comisión de Economía presidiraa a oposición e, concretamente, será o PSdeG con Abel Losada o grupo que o faga.

Ademais das comisións lexislativas, tamén se crearán as de control da CRTVG e a comisión na que se inclúen os debates relacionados co Consello de Contas, xunto coa Comisión de Peticións (na que comparece o Valedor do Pobo, por exemplo), e a do Regulamento, que acolle o debate das normas parlamentarias.

Así, a mañá do mércores transcorrerá co habitual 'paseo' de sala en sala que protagonizarán os membros da Mesa que presiden a constitución de cada unha das comisións, un ir e vir polos corredores do Pazo do Hórreo que comezará ás 10,30 coa Comisión do Regulamento.

DEPUTACIÓN PERMANENTE

Ao longo da mañá tamén se conformará oficialmente a Deputación Permanente, que é o órgano que substitúe o pleno en períodos non hábiles, como a época de vacacións estival ou o parón de inverno.

Este órgano estará formado por parte da Mesa do Parlamento --o órgano reitor-- e sempre presidido polo xefe do Lexislativo, neste caso, o popular Miguel Santalices.

A Deputación Permanente constituirase con 17 caras novas con respecto á primeira creada na IX Lexislatura, de maneira que o PPdeG incorpora sete caras novas; o PSdeG renova os seus catro membros, do mesmo xeito que o BNG cos seus dous integrantes; e En Marea duplica os integrantes de AGE con catro caras distintas ás que tiña a coalición ao comezo do anterior período.

NOMES DO ÓRGANO QUE SUBSTITÚE O PLENO

No Grupo Popular, serán sete as caras novas se se comparan os deputados titulares da constitución da Deputación Permanente da novena e a actual lexislatura.

Así, constituirase a Deputación Permanente cos seguintes nomes como titulares: o propio presidente da Xunta (por agora en funcións), Alberto Núñez Feijóo, xunto co vicepresidente do Parlamento, Diego Calvo, o portavoz parlamentario, Pedro Puy; e os deputados Francisco Conde, Marisol Díaz Mouteira, Beatriz Mato, Paula Prado, Román Rodríguez, Alfonso Rueda, Miguel Tellado e Jesús Vázquez Almuiña. Con todo, esta composición pode variar se algún dos seus integrantes deixa o seu escano para ocuparse dun departamento autonómico, aínda que esta situación non é obrigatoria.

No Grupo Socialista, e sempre seguinte o mesmo parámetro de comparación, renóvanse todos os seus nomes entre os titulares. Serán nesta ocasión o portavoz parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, xunto con Patricia Vilán, Luís Álvarez e Noela Branco.

No caso de En Marea, e se se compara coa formación AGE da que é herdeira o partido da confluencia, incorpóranse tamén catro caras novas a este órgano. Así, serán titulares o portavoz parlamentario, Luís Villares, xunto con Antón Sánchez, Carmen Santos e Ánxeles Cuña.

Finalmente, o BNG tamén renova aos seus dous integrantes neste órgano, con Ana Pontón, a portavoz parlamentaria, e Olalla Rodil como titulares da Deputación Permanente.

relacionada Arranca a décima Lexislatura galega
relacionada Feijóo será investido presidente da Xunta o día 10 de novembro
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE