A fusión de concellos, clave na dinamización do rural

|

Localisfusiondeconcellos


O Centro Obra Social de A Banca acolleu hoxe a presentación do traballo ‘Redimensionamento da Planta Local: Retos fronte ao minifundismo’, un estudo que plasma a realidade da situación municipal galega e lanza unha serie de propostas fronte ao despoboamento do rural e a favor da mellora da vida dos cidadáns dos municipios máis pequenos a través dun proceso programado, planificado e ‘non traumático’ de fusións.


Concepción Campos, codirectora da Red Localis, foi a encargada de introducir a Alejandro de Diego e Alberto Vaquero, autores do estudo, que Campos cualificou de “rigoroso” e “moi necesario” en Galicia, onde a día de hoxe existen 313 concellos dos cales máis dun 60% teñen menos de 5.000 habitantes. Ademais, Campos destacou a “actualidade” do documento, que se presenta a escasos días do arranque da nova lexislatura galega como punto de “inflexión e reflexión”, e que conta coa análise de casos de fusión recentes como son os de Cercedo-Cotobade ou Oza-Cesuras, as dúas únicas levadas a cabo en Galicia en 40 anos. 


Vaquero, profesor titular da Universidade de Vigo e membro da Red Localis destacou que aos galegos nos custa manter o sector público local --no cal se engloban por exemplo os Concellos, as Deputacións ou Mancomunidades--, 1.013 euros por habitante, e malia que a media española se sitúa en 1.323 euros (un 23,4% por enriba da galega), Galicia ocupa o cuarto posto por debaixo no ‘ránking’ de ingresos per cápita (soamente superada por Cantabria, Murcia e Asturias) polo que, como destacou Vaquero, “aínda que gastamos menos ca o resto de España, falta capacidade fiscal”.


ASIMETRÍA ENTRE GASTO E TAMAÑO 


Desta rede pública local, segundo se desprende do estudo, os concellos son a institución que máis recursos consomen, ao supor un 82,7% do custo efectivo de todos os servizos prestados a nivel estatal e o 80,6% para Galicia. Ademais, Vaquero incidiu en que son precisamente “os concellos máis pequenos os que esixen un sacrificio maior ao cidadán”.


Segundo evidencia o informe presentado, a menos habitantes son necesarios máis recursos para prestar menos servizos, pois estes son “incomparables” aos que existen en concellos máis grandes, o cal conecta co fenómeno do despoboamento rural, pois a xente “emigra a concellos más grandes onde teñen máis servizos”, destacou Vaquero.


Do informe despréndese que os concellos de menos de 5.000 habitantes supoñen un gasto de 183 euros per cápita, fronte aos 206 dos que teñen entre 5.001 e 7.000 e 220 euros dos que están entre 7.001 e 20.000 habitantes. Porén, é precisamente nos máis pequenos (menos de 1.000 habitantes) onde a repercusión per cápita é meirande, cunha media de 322 euros por habitante, isto é, un 56% máis ca os que se atopan entre 5.001 e 7.000 habitantes.


No que atangue á prestación de servizos nos concellos, os autores destacan que os concellos de menos de 1.000 habitantes precisan achegas per cápita de entre un 45 e un 53% máis altas do que concellos que están nos rangos de 5.001 a 7.000 habitantes, e aínda así, contan con menos e peores servizos.


O CONCELLO IDEAL 


Logo desta análise, Vaquero concluíu que o tamaño mínimo “ideal” dos concellos galegos estaría entre 5.000 e 7.000 habitantes (nunca inferior a 4.000), posto que é nesta franxa poboacional onde “melloran practicamente todos os datos comparativos cos pequenos concellos”.


Unha visión oposta á realidade de Galicia onde un 64% dos concellos teñen poboacións inferiores a 5.000 habitantes, segundo se desprende do estudo. Alejandro de Diego, secretario do Concello de Avión e coautor do documento, destacou que de levarse a cabo as fusións deses concellos de menos de 4.000 habitantes, suprimiríanse ao redor de 150 alcaldías, polo que o número total de consistorios se reduciría a entre 143 e 172, en lugar dos 313 actuais.


De Diego destacou que os concellos fusionados “non perderían a súa natureza nin idiosincrasia”, posto que a fusión é a nivel de institucións, e recordou que as fusións son algo “normal” e que “xa o fixeron os nosos veciños europeos fai tempo”.


“Non só frearía a sangría poboacional en zonas rurais, senón que facilitaría que as familias se quedasen e abrisen negocios”, o cal dinamizaría tamén a economía destas zonas. O autor do documento puxo tamén énfase en “non afastar a capital máis de 15 ou 20 minutos”, en base a un mapa isocrónico.


"FUSIÓN NON TRAUMÁTICA"


A fusión “non traumática” foi un termo utilizado por De Diego durante a súa intervención para referirse a un proceso “voluntario” no que sexan os propios concellos os que demanden a fusión “sen obrigatoriedade”, pois a “reticencia” das autoridades locais é a miúdo a principal ‘traba’ á fusión. 


Os “beneficios” deste sistema son o que han de levar aos pequenos concellos a “demandar ser fusionados”, afirmou de Diego ao tempo que fixo fincapé na racionalización do gasto para evitar que “concellos presten servizos en horizontal”, en relación á duplicación de servizos en concellos limítrofes ou achegados.


De Diego cuestionou o sistema actual de fusións, do cal dixo estar "desenfocado" pois existe "un fondo que se invirte nas fusións que se leven a cabo nun ano" independentemente do número. De Diego propuxo deste xeito a creación dunha Oficina de Fusións, que tivera como cometido administrar e executar estas fusións dun xeito estratéxico e planificado.


Outra das vantaxes que destacaron os autores do documento a favor das fusións foi a mellora das relacións entre concellos e administración autonómica, que De Diego cualificou como un vínculo máis "de ti a ti".


Concepción Campos resaltou que, no caso das fusións, "atopámonos coa resistencia ao cambio", e fixo fincapé en que a relación da xente "non é co concello", ao cal non asisten de forma regular, senón co lugar. A codirectora da Red Localis destacou ademais que a administración electrónica vai adquirir esas competencias antes desenvolvidas polos traballadores dos concellos.

relacionada ​La fusión de Cerdedo y Cotobade recibe su aprobación definitiva
relacionada ​El despoblamiento de las zonas rurales

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Este periódico fue seleccionado por Google News Initiative para su Journalism Emergency Relief Fund

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial Publicidad
Powered by Bigpress