​Militantes do PP de Vigo denuncian "irregularidades" na convocatoria do congreso local

|

Elenamunozppvigo

Elena Muñoz, candidata a presidir o PP de Vigo.


Afiliados do PP de Vigo promoveron un escrito no que buscan o amparo do Comité de Dereitos e Garantías do PPdeG ao entender que houbo "irregularidades" na convocatoria do congreso, fixado a semana pasada para o 17 de decembro.


O calendario determina que ata o 12 de novembro poderán presentarse os precandidatos que, para ter esa condición, deberán conseguir polo menos 70 firmas de militantes. A partir do 12 e ata o 19 deste mes, os precandidatos poderán facer campaña para converterse en aspirantes á presidencia do partido, e para iso, necesitarán o aval de polo menos 200 dos máis de 5.000 militantes do PP vigués.


Fontes da formación en Vigo explicaron a Europa Press que, no escrito, que deberá analizar o órgano autonómico que vela polos dereitos dos afiliados populares, incídese en que "non se garante a igualdade de oportunidades" entre a militancia para poder concorrer á cita congresual.


De momento, a actual portavoz local, Elena Muñoz, é a única que manifestou a súa intención de optar a presidir o PP local en substitución de José Manuel Figueroa, aínda que nas quinielas de posibles aspirantes tamén están o exconcelleiro e exconselleiro Javier Guerra, e a exedila Lucía Molares, actual presidenta da entidade estatal de chan (Sepes).


Entre as queixas deste grupo de afiliados críticos estaría o defecto de forma na propia xunta local do 3 de novembro que convocou o congreso e que, ao seu xuízo, sería "nula de pleno dereito" ao non respectarse os cinco días de antelación para a súa convocatoria.


Os militantes, que defenden que non pretenden dilatar o proceso senón que teña "máximas garantías", tamén censuran o regulamento do congreso ao entender que "non hai xustificación estatutaria" para o número de avais esixidos para ser precandidato (70 firmas) e candidato (200 avais", ademais de queixarse que non haxa un censo de afiliados con dereito a voto "coñecido e pechado".


ELENA MUÑOZ NEGA AS ACUSACIÓNS


A portavoz do PP de Vigo e aspirante a presidir a formación na cidade, Elena Muñoz, negou este mércores tales "irregularidades". "As decisións que se tomaron na xunta local (que convocou a cita) foron por maioría. A igualdade está absolutamente garantida cumprindo todos os estatutos do partido e dando oportunidade a todos os militantes a presentarse reunindo os apoios e os avais establecidos. Entendo que a pluralidade é a máxima e calquera que queira presentarse pode facelo", remarcou, nunha entrevista na Radio Galega.


Pola súa banda, lembrou que o pasado venres xa deu "un paso adiante" antes de engadir que, desde logo, "reafirma" o compromiso coa cidade de Vigo. O "compromiso" que adquiriu --remarcou-- hai case dous anos de "traballar de forma activa e directamente por Vigo", a súa cidade.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial Publicidad
Powered by Bigpress