Deteñen unha banda que cometeu máis de trinta roubos en vehículos en Pontevedra
Xunto cos roubos, o Instituto Armado considera que poden ser autores de furtos en establecementos comerciais e hostaleiros.
A Garda Civil vén de deter os tres integrantes dunha banda que, supostamente, cometeu máis dunha trintena de roubos en vehículos en distintas localidades da provincia de Pontevedra.
Da 'Operación Orbital' informou a Benemérita a través dun comunicado, no que detalla que se trata de J.S.D., de 44 anos e veciño de Covelo; I.V.P., de 32 anos e residente en Ponteareas; e J.M.V.F., de 41 anos e empadroado en Mondariz.
En canto aos roubos, cometéronse en Pontecaldelas, Ponteareas, O Porriño e Mos e en case todos os casos se trataba de pequenas furgonetas Citroën Jumpy e Peugeot Partner propiedade de empresas. Do seu interior extraían maquinaria, ferramentas e mercadoría, e algúns destes bens acháronse en casa dun dos detidos.
Xunto cos roubos, o Instituto Armado considera que os arrestados poden ser tamén os autores de varios furtos en distintos establecementos comerciais e hostaleiros das zonas nas que actuaban.
Dous dos detidos xa foron postos en liberdade polo xulgado, coa obrigación de comparecer cando sexan citados; mentres que o considerado xefe do grupo, o ponteareán, atópase en prisión preventiva.
Escribe tu comentario