“Fronte aos que ven Europa como unha escusa, os socialistas vemos nela futuro”, Besteiro
José Ramón Gómez Besteiro, “fronte aos que ven Europa como unha escusa, os socialistas vemos nela futuro”. Así o dixo na clausura da xornada “Unha nova política económica para Europa: da austeridade ao crecemento”, organizada en Santiago de Compostela pola delegación española do Grupo da Alianza Progresista dos Socialistas e Demócratas no Parlamento Europeo.
O líder dos socialistas galegos criticou ás opcións políticas que utilizan a UE como “escusa de actuación” para impoñer a austeridade ou como “escusa para ofrecer a mensaxe política”.
Gómez Besteiro chamou hoxe a encetar un “cambio de rumbo na política económica que abandone o dogma da austeridade”, e sinalou a Feijóo como “adiantado nas políticas austericidas”.
O responsable socialista salientou a necesidade de “apostar polo crecemento e desenvolver unha economía cada vez mais competitiva e eficiente” e ofreceu a visión socialista alternativa aos recortes e dirixida a “frear a ola de desigualdade, así como para contribuír a ese desexable e posible xiro cara o crecemento”.
Criticou a falacia da austeridade, que “só trouxo deigualdade, empobrecemento e débeda” e constatou que, lonxe de controlar o endebedamento, esta viuse triplicada dende a chegada de Feijóo á Xunta, pasando de supor o 6,8 por cento do PIB en 2008 ao 17,4 por cento actual. Subliñou que “incluso tomando a débeda como instrumento do Estado para crecer, o paradoxal é que nin se creceu nin se aforrou”.
Os socialistas galegos instaron a reformar o sistema tributario para afrontar unha crise “que foi mais un problema de ingresos que de gasto”. Sinalou que, en lugar de reformar o sistema fiscal para solucionar “unha situación derivada dun fallo grave do sector privado”, a dereita “optou por atacar unica e exclusivamente ao sector público”, ao que sinalou como “falso culpable”.
Chamou a apostar por unha administración pública “forte e eficiente”, que remate coas “lacras” que deterioran o seu funcionamento “tales como o financiamento insuficiente, as duplicidades, o exceso de burocracia ou as tramas de corrupción que lle restan credibilidade”.
Xornada
Gómez Besteiro clausurou, xunto co eurodeputado e ex ministro Ramón Jáuregui, unha xornada que fora inaugurada polo eurodeputado José Blanco e o secretario de Economía do PSdeG-PSOE, Xaime Barreiro.
O certame contou cunha mesa redonda sobre “Unha política económica para o crecemento de Europa”, na que participaron o eurodeputado José Fernández, o economista José Carlos Díez e o ex presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e que foi moderada pola xornalista Aida Pena.
A segunda mesa redonda da xornada, baixo o título “Cara a unha Europa máis competitiva e eficiente”, foi moderada polo economista e director do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia, Joaquín Fernández Leiceaga, e contou coa participación dos eurodeputados Ramón Jáuregui e Inmaculada Rodríguez – Piñero e o ex presidente da Xunta de Galicia Fernando González Laxe.
Escribe tu comentario