SE SANIDAD MANTÉN O VETO Á VENDA EN FARMACIAS

Galicia estudará facilitar a vacina da meninxite B

|

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, remarcou este xoves que o Ministerio de Sanidad "debe facilitar" que a vacina do meningococo B se dispense en farmacias e advertiu de que, se este paso non se produce, Galicia estudará a posibilidade de impulsar "un programa piloto" para favorecer o acceso á vacina, unha vez consultados os pediatras e epidemiólogos.


Manifestouno na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, preguntado acerca de se o Servizo Galego de Saúde (Sergas) se formula incorporala ao calendario, como fixo coa do neumococo, ao tempo que remarcou que Galicia será "a primeira" comunidade en dar este paso se o Ministerio dá a autorización.


Enviou unha "mensaxe de tranquilidade" xa que calquera tipo de infección da que se sospeite que poida ser meninxite B implica "a vacina automática de todo núcleo de risco nos hospitais públicos".


Núñez Feijóo: "Tras as eleccións porémonos de novo en contacto co Ministerio; a nosa opinión é que se debe poder comercializar a vacina nas Farmacias"


As declaracións do presidente chegan tras mostrarse moi crítica co Executivo autonómico a deputada socialista Carmen Acuña, que acusou a conselleira de Saúde de "esconderse detrás do Ministerio" utilizándoo como desculpa. A deputada do PSdeG subliñou que a Xunta ten competencias exclusivas en materia de saúde pública polo que pide incluír a vacina no calendario infantil. Namentres, Acuña avogaba por "facilitar fórmulas para dispensar a vacina nas farmacias" e permitir que os nenos poidan ser inmunizados, xa que advirte de que anualmente hai 25 e 30 vítimas desa enfermidade, das que dúas morren e doutras seis a nove sobreviven aínda que con graves secuelas.


ALONSO AVIVA A POLÉMICA .


Mentres tanto, o malestar xerado polo veto do ministerio de Sanidade á dispensación en farmacias da vacina do meningococo B segue aumentan entre pais, facultativos e forzas políticas, especialmente desde que o ministro de Sanidade, Alfonso Alonso, volvese manifestarse en contra de acceder á súa comercialización en botica. Alonso rexeitaba, "polo momento", levar ás farmacias a vacina, avogando por manter a súa dispensación "baixo control hospitalario". Alonso sostiña que a enfermidade non forma parte do calendario de vacinacións e unicamente está indicada a súa administración nunha zona determinada cando se produce un brote e xérase unha situación de risco. "Non imos cambiar de momento o criterio de que sexa unha vacina hospitalaria suxeita a prescrición", argumentando que a conservación da vacina require medidas "moi estritas" e que se administración pode ter efectos adversos.



"O criterio do ministro e as súas alegacións chocan contra un muro evidente: toda a UE a dispensa en farmacias e nós non. Pode que o señor Alonso pense que está máis cualificado que os seus colegas europeos e de moitos outros de fóra de Europa", sostén un facultativo consultado por Galiciaé. "Alonso di que a conservación e a posible reacción que poida producir son os dous argumentos que o levan a reter a vacina baixo control hospitalario; e non ten sentido á vista do que sucede con outras de características moi similares", engade o pediatra, que recorda que a pesar do "absurdo" da situación, avoga por non xerar unha alerta social entre os pais no marco deste debate. "A maior ameaza á correcta conservación da vacina é ter que ir a Portugal a por ela", sentenza, recordando que centos de pais de Galicia e Castela están a viaxar a Portugal para facerse coa vacina.


Xa hai abertas dúas campañas de recollidas de firmas a través de Change.org para seguir presionando tanto a Goberno como a Xunta para que o meningococo B entre no calendario de vacinas, medida apoiada de xeito público polo Sergas. Mentres tanto, as farmacias lusas seguen recibindo a visita de centernares de pais de Galicia e Castela León que viaxan para facerse coa vacina.



Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Este periódico fue seleccionado por Google News Initiative para su Journalism Emergency Relief Fund

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial Publicidad
Powered by Bigpress