REALIZADO POLA UDEF DA POLICÍA NACIONAL

Rexistro no Concello de Pol (Lugo) nunha nova operación de De Lara

|


O Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo, que dirixe Pilar de Lara, dirixiu na mañá deste xoves o rexistro do Concello de Pol, nunha investigación aberta para determinar se puideron cometerse por parte do goberno local contratacións irregulares de traballadores, así como delitos en materia de urbanismo. A investigación lévana a cabo axentes da unidade de loita contra delitos financeiros da Policía Nacional e polo momento non hai detidos.

A comisión xudicial permaneceu nas dependencias municipais de Mosteiro ao redor de seis horas, tras a súa chegada sobre as dez menos cuarto da mañá. A UDEF requisó polo menos nove caixas con diversa documentación.


O rexedor da localidade, Lino Rodríguez, mostrouse "completamentamente tranquilo" tras o rexistro, aínda que afirmaba descoñecer os motivos que desencadearan as actuacións. "Nada sei porque nada me dixeron máis aló de que había unha investigación", comentou o socialista, engadindo que, no seu momento, "a señora De Lara dirá" e confirmando que non lle foi tomada declaración.

"Transmitinlle á xuíza unha total colaboración e díxenlle que calquera cousa que precise non ten máis que pedila", apuntaba Rodríguez, que evitou especular coa posibilidade de que as actuacións estean relacionadas cunha denuncia da anterior secretaria municipal. "Podo intuír iso ou outras cousas, pero sería especular porque non me dixeron nada", sentenciou.

Esta investigación arrincou a partir da declaración que prestou no xulgado a secretaria municipal, por mor dunha denuncia por mobbing contra o rexedor local, o citado Lino Rodríguez Ónega, unha situación que incluso levou á funcionaria a renunciar ao seu posto no Concello.

Por mor desa declaración ante a instrutora Pilar de Lara, iniciouse unha investigación que desembocou na mañá deste xoves no rexistro. O avogado que exerce a representación legal da que foi secretaria municipal de Pol, Gerardo Pardo de Vera, indicou que a investigación é "unha consecuencia necesaria da declaración desta persoa", que "en febreiro de 2015denunciou un bestial acoso por parte do alcalde desde que comezou o seu traballo".

"Foi un acoso, ademais, consumado, porque esta persoa decidiu renunciar á praza que tiña en propiedade nese municipio", engadiu.

Segundo o letrado, "o motivo dese acoso non foi outro que o recto cumprimento das súas funcións como supervisora da legalidade, pondo reparos orzamentarios e de legalidade a unha arbitraria actuación do alcalde, que parece confundir a lexitimidade de ser votado maioritariamente coa falta de sometemento ao imperio da lei".

Engadiu, ademais, que "isto non é nada novo, porque xa foi posto de manifesto polos concelleiros da oposición, que incluso en plenos municipais defenderon unanimemente a impoluta actuación da miña representada".

Neste momento, por mor da propia declaración da secretaria municipal, a investigación céntrase na existencia de "indicios de delito que van máis aló do acoso denunciado", sostivo.

O que se investigan son delitos de "carácter supraindividual, delitos relacionados con actuacións no ámbito da actividade municipal, contra a Administración pública fundamentalmente", concluíu.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Este periódico fue seleccionado por Google News Initiative para su Journalism Emergency Relief Fund

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial Publicidad
Powered by Bigpress