SSERVICIO PUBLICO DA SANIDADE GALEGA

Presentada unha denuncia polo novo hopital de Vigo ante a Comisión Europea

A Asociación Galega pola Defensa da Sanidade Pública apunta a un "presunto incumprimento do Dereito Comunitario" na licitación do Álvaro Cunqueiro, así como diversas irregularidades


|

A Asociación Galega pola Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) remitiu este mércores á Comisión Europea unha denuncia por "presunto incumprimento do Dereito Comunitario" na licitación da concesión administrativa do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo (HAC).


Varios membros da plataforma acudiron este mércores á oficina central de Correos en Vigo para entregar a documentación coa que pretenden demostrar as diversas "irregularidades" que, ao seu xuízo, producíronse durante o proceso construtivo do hospital, e para conseguir a súa "recuperación e rescate" para o servizo público de saúde galego.

Así o explicou Emilio Santiago, portavoz da plataforma, en declaracións aos xornalistas na propia oficina de Correos, onde denunciou que os "conflitos" detectados durante o levantamento da nova infraestrutura sanitaria viguesa producíronse, fundamentalmente, "por unha serie de decisións nunca explicadas pola administración" coa finalidade de "ocultar un artificio contable".

"A administración sanitaria galega utiliza un modelo para o proxecto do novo hospital que, pensamos, é perverso e non persegue outra finalidade que ocultar un artificio contable para que o investimento realizado non compute nas contas públicas", explicou o portavoz.

Así, puxo en cuestión que o proxecto inicial de "financiamento e xestión pública" fose "radicalmente cambiado" por un modelo "de xestión e financiamento privado" mediante "un contrato de concesión de obra pública tipo iniciativa de financiamento privado polo que se entrega a unha UTE liderada por Acciona a concesión do hospital".

Esta adxudicación incluía non só o financiamento e construción do novo centro sanitario, senón tamén a xestión dos servizos sanitarios non asistenciais, a explotación de áreas comerciais e do aparcadoiro e a redistribución do deseño definitivo, segundo Emilio Santiago.

"Desde o noso punto de vista, esta é a causa fundamental dos graves problemas que se teñen este momento no novo hospital", sentenciou durante a súa intervención ante os medios.

Á marxe das "irregularidades" no tipo de contrato utilizado, a AGDSP denuncia que durante o proceso construtivo producíronse "unha serie de acontecementos que vulneran a lexislación comunitaria".

Entre eles mencionou o atraso no comezo das obras e na entrega do hospital ou a "alteración substancial" que se produce nas condicións de financiamento do proxecto que, ao seu parecer, inclúe puntos que poden ser denunciados ante a Comisión Europea.

"Entre as entidades financeiras que formaban a UTE estaban Bankia ou Caixa do Mediterráneo, que tiveron que ser rescatadas con diñeiro público. É a propia Xunta de Galicia a que ten que recorrer a entidades financeiras públicas internacionais como o Banco Europeo de Investimentos para garantir o proxecto. Iso altera as condicións do contrato e é denunciable", resumiu.

Tamén consideran que o modelo de contrato utilizado "non é o correcto" e censuran que sexa unha empresa financiada pola propia empresa concesionaria a encargada de supervisar o cumprimento do mesmo.

Ábrese agora un prazo de setenta días para que a denuncia sexa admitida a trámite e, se se cumpre este obxectivo, será a propia Comisión a encargada de trasladala ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea. 

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE