#Claves de la semana
I ENCONTRO AGROBIOTECH CELEBRADO EN OURENSE

As augas termais de Ourense, fonte de enzimas para a industria

Investigadores da Facultade de Ciencias participan no proxecto europeo HotDrops


|


As fontes termais de Ourense, fonte de enzimas para a industria


As enzimas son catalizadores, proteínas que aceleran unha reacción química. Esta definición teórica significa que na práctica son compostos naturais de grande interese para a industria. 


Por exemplo, o que fai que un deterxente limpe o aceite dunha prenda de roupa é a lipasa, unha enzima que “racha” a graxa para que poida ser lavada. Investigadoras da Facultade de Ciencias do campus de Ourense traballan desde 2013 no proxecto europeo HotDrops. Nel, catro universidades e catro empresas buscan novas enzimas termofílicas, que actúan a altas temperaturas e son máis resistentes a condicións extremas, para aplicacións industriais tomando como punto de partida o ADN de microorganismos presentes en augas e solos de fontes termais de Ourense. 


O proxecto está financiado polo 7 Programa Marco da Unión Europea, concretamente pola convocatoria Marie Curie academia-industria. O líder é a Universidade Autónoma de Madrid, estando como socias as universidades de A Coruña, Cambridge e Vigo e as empresas Galchimia, Biochemize, Droptech e Novozymes, o principal provedor de enzimas do mercado. O equipo da Universidade de Vigo está encabezado por María Luisa Rúa e formado tamén por Ana Torrado, investigadoras do Laboratorio de Bioquímica da Área de Nutrición e Bromatoloxía. Este xoves e venres, os membros do proxecto, encabezados por José Berenguer, coordinador de HotDrops, dironse cita no I Encontro AgroBiotech que se celebrou no Parque Tecnolóxico de Ourense, onde presentan o seu proxecto, que ten unha duración de catro anos, ao sector como exemplo de colaboración entre investigación e empresa no eido biotecnolóxico.


CATALIZADORES MAÍS EFICIENTES E ESPECÍFICOS


O interese nas fontes termais como fontes de enzimas, explican os membros do proxecto, parte do feito de que as enzimas presentes en organismos de altas temperaturas son enzimas preparadas para actuar a altas temperaturas. Estas enzimas, apuntan, poden empregarse en procesos industriais que requiren altas temperaturas ou en procesos que non requiren altas temperaturas pero nos que tamén se empregan porque estas enzimas teñen unha vida útil máis prolongada, un factor moi importante en aplicacións industriais a grande escala. As enzimas, lembran, teñen un custe significativo pero tamén teñen un elevando potencial porque “non teñen os problemas de toxicidade doutros catalizadores químicos e son catalizadores moito máis eficientes e específicos”.

Segundo explican as investigadoras ourensás, para a obtención de enzimas no proxecto están “a empregar sistemas descreening de alta eficacia baseados na microfluídica”. O seu traballo concreto consiste na posta a punto deste sistema descreening para a busca e selección de enzimas e posteriormente levar a cabo a produción e caracterización dos compostos proteicos seleccionados para unha aplicación industrial. Actualmente, sinalan, atópanse no proceso de selección de enzimas a partir de bancos de ADN, concretamente de ADN procedente de microorganismos presentas nas augas e solos de fontes termais do río Caldo, en Lobios.


Neste proceso, indican, é especialmente interesante a obtención de lipasas, proteasas, celulasas e outras enzimas de interese industrial. Entre as primeiras seleccionadas polas investigadoras ourensás están precisamente lipasas, que son de utilidade nun amplo abano de eidos, desde produtos farmacéuticos ata biodiesel.

(De izqda. a dirta.) José Berenguer, coordinador do proxecto, xunto a Ramiro Martínez, Virxilio Rodríguez e Javier Soto durante unha das actividades realizadas para dar a coñecer o proxecto


A APOSTA POLA INVESTIGACIÓN


Alén de presentarse ás empresas participantes en AgroBiotech como un exemplo de colaboración entre universidades e empresas, os membros do proxecto realizaron este xoves un seminario no que presentaron as súas liñas de traballo ao persoal investigador interesado. Durante a súa inauguración, José Berenguer, como coordinador do proxecto HotDrops, foi o encargado de introducir ás persoas asistentes nas liñas xerais deste proxecto que traballa na “selección de enzimas con uso biotecnolóxico en augas termais moi ricas”.


Amosando o respaldo da Universidade de Vigo a esta iniciativa, Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, subliñou que o proxecto está en consonancia coa liña estratéxica do Campus da Auga, o proceso de especialización do campus de Ourense. En representación das empresas participantes en HotDrops, Ramiro Martínez, de Novozymes España, salientou a aposta da súa entidade, que conta con 6.000 traballadores e está dedicada á produción de enzimas, pola I+D e salientou os froitos da colaboración coas universidades.


Por último, Javier Soto, de Caldaria, recalcou o potencial das augas mineromedicinais de Ourense e amosou o seu desexo de que se siga investigando neste campo para contribuír ao desenvolvemento do sector e da provincia. 

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE