O CAMPUS ACOLLE O DIA 23 A CELEBRACIÓN EN OURENSE DE "IDEAS FOR"
Un día, 15 cidades e 150 propostas 'doadas' para mellorar o país
O obxectivo do proxecto é crear redes de traballo entre persoas con iniciativa
15 cidades, dez relatores por cidade, 150 ideas para expor e arredor de 3000 persoas mobilizadas. Con estas cifras preséntase a segunda edición de Ideas for, unha iniciativa que pretende tecer redes entre persoas con ganas de traballar pola súa cidade.
O campus de Ourense acollerá este mércores día 23 a sesión que se celebrará na cidade das Burgas, na que dez persoas residentes en Ourense ou no estranxeiro lanzarán dez propostas que poidan ser de beneficio para a cidade e paras as persoas que as leven a cabo.
DOAR IDEAS, TECER REDES
Os eventos Ideas for realízanse unha vez ao ano coincidindo co Nadal, aproveitando que moitas persoas que traballan fóra volven á súa cidade de orixe para visitar familia e amigos. Estes eventos teñen unha duración de dúas horas e media e divídense en dúas partes. A primeira consiste na presentación de ideas por parte dos relatores, para xerar debate entre os asistentes (10 minutos por idea). Tralos relatorios realizarase unha mesa redonda co público. Na segunda parte haberá unha sesión de traballo conxunta entre todos os asistentes para poder debater os temas tratados anteriormente. En total, realizaranse simultaneamente eventos en 15 cidades de Andalucía, Aragón, Castela e León, Cataluña, Estremadura, Navarra e Galicia.
OURENSÁNS RESIDENTES NA CIDADE E NO EXTRANXEIRO
O acto será aberto a todas as persoas interesadas. “Aqueles que sempre se queixan de que en Ourense non se fai nada, que todo é un desastre, deberían ser os primeiros en vir e participar. Aqueles que din que merece a pena traballar por esta cidade,Ideas for é un escenario perfecto para eles”, recalca Rosell. A cita será no salón de actos Marie Curie do Edificio Politécnico a partir das 18.30 h, participando na súa inauguración Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, que colabora na iniciativa.
Escribe tu comentario