Desmantelan unha banda vinculada a máis de 100 roubos
Axentes da Garda Civil desarticularon unha banda integrada por tres veciños de Oleiros de entre 20 e 40 anos, vinculados polos investigadores con máis de 100 roubos perpetrados nas áreas metropolitanas da Coruña e Ferrol.

Axentes da Garda Civil desarticularon unha banda integrada por tres veciños de Oleiros de entre 20 e 40 anos, vinculados polos investigadores con máis de 100 roubos perpetrados nas áreas metropolitanas da Coruña e Ferrol.
A Operación, denominada Palomero, iniciouse en xuño de 2015 e, sete meses depois permitiu a detención destes tres individuos. Todos teñen antecedentes, un deles en concreto suma 90 detencións e outro foi posto a disposición xudicial hai uns meses por varios roubos en igrexas asturianas.
Segundo os investigadores, os roubos cometéronse en domicilios, fundamentalmente segundas vivendas, de municipios como Sada e Betanzos, ademais de Oleiros, Cambre, Culleredo, Carral, Abegondo, Bergondo, Vilasantar, Curtis, Mesía, Miño, Pontedeume, Cabanas e Ares.
Con todo, a Garda Civil non descarta que se lles vincule con outros roubos "a medida que se vaia pechando o circulo da investigación", apunta.
Segundo a investigación, os detidos participaron no roubo de polo menos 2.850 quilos de cobre, "o que suporían uns 50 roubos perpetrados en polígonos industriais, naves e mesmo a vía férrea".
Os tres homes adoitaban entrar na tarde-noite na vivenda ou locais tras forzar portas ou xanelas, aproveitando a ausencia dos seus moradores. Os investigadores confirmaron que nunca entraron en domicilios nos que estivesen persoas dentro.
NUMEROSOS EFECTOS
Na vivenda rexistrada en Oleiros, localizáronse electrodomésticos, xoias, ferramentas. videoconsolas, cámaras fotográficas, computadores portátiles, reloxos, televisores, maquinaria forestal e agrícola, ademais de armas de aire comprimido, entre outro material.
Para identificar a propiedade dos efectos, trasladados a Lonzas en tres furgonetas, a Garda Civil solicitou a colaboración das persoas que puidesen ser vítimas destes roubos. Previamente, deberán poñerse en contacto coa Benemérita. Por outra banda, xunto con estes obxectos, a Garda Civil tamén atopou uns 3.500 euros en metálico.
Escribe tu comentario