Podemos superaría ao PSOE nunhas novas eleccións

Segundo a última enquisa do CIS, o PP volvería gañar as eleccións cun resultado semellante ao que obtivo o pasado 20 de Decembro. 


|


Os datos da última enquisa do CIS indícannos que se se celebrasen de novo as eleccións xerais habería poucos cambios, pero algúns deles serían bastante significativos. O PP volvería gañar cun respaldo do 28,8% dos votos, un resultado case idéntico ao das xerais de decembro,


Pero o PSOE caería un punto e medio, quedando cun apoio do 20,5%. Ese punto e medio iría directamente cara Podemos, que chegaría ata o 21,9% e conseguiría finalmente adiantar aos socialistas. 


Pola súa banda, CIudadanos conseguiría un 13,3% dos sufraxios, perdendo apoio respecto das xerais nas que se fixo cun 13,9% dos votos emitidos e Esquerda Unida anotaríase un resultado moi parecido ao que logrou nas urnas.


O estudo baséase nun total de 2.496 entrevistas persoais e domiciliarias realizadas en 256 municipios de 50 provincias e ten unha marxe de erro de máis/menos 2%. As preguntas fixéronse entre o 2 e o 11 de xaneiro, é dicir, o traballo de campo arrincou 13 días despois das eleccións de decembro, antes da constitución das Cortes, de que o Rei iniciase a súa primeira rolda de audiencias para buscar un candidato á investidura e de que Podemos lanzase a súa oferta de goberno de coalición ao PSOE.



A diferenza do que ocorría en sondaxes anteriores, PP tamén se sitúa na cabeza en intención directa de voto (18,2%), mentres que só o 14,5% dos entrevistados asegura que votaría ao partido de Pedro Sánchez.



A enquisa pon de manifesto que, grazas á caída do PSOE e á súa propia subida en porcentaxe de voto, Podemos e os seus socios autonómicos lograrían o ansiado 'sorpasso', é dicir, quedarían 1,4 puntos por diante dos socialistas. Do PP separaríanlles 6,9 puntos e sacarían 8,6 puntos a Cidadáns. O barómetro do CIS de xaneiro de 2015 tamén situou a Podemos (nese caso en solitario) por enriba do PSOE.



NOVOS LÍDERES PERO NINGÚN APROBA



Como en todos os seus barómetros con intención de voto, o CIS volveu a pedir aos cidadáns que poñan nota aos responsables dos distintos partidos. Coa nova lexislatura e a chegada de novos portavoces, o ránking de líderes renovouse moito, aínda que, como antes, ninguén consegue pasar a barreira dos cinco puntos. É dicir, todos suspenden.



Agora o máis valorado é Alberto Garzón, que gaña un posto respecto da enquisa preelectoral do CIS e anótase un 4,68, mentres que, como segundo da táboa, cun 4,26, irrompe o portavoz de En Comú Podem, Xavier Domènech, aínda que só o coñece o 6% dos entrevistados.



O líder de Cidadáns, Albert Rivera, que antes das eleccións era o mellor puntuado e rozaba o 5, baixa agora ao terceiro lugar porque perde máis dun punto e queda cun 3,92. Na cuarta praza repite o secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias cunha nota de 3,78.



O socialista Pedro Sánchez, que antes das xerais era o terceiro mellor valorado, cun 4,59, perde fol e cae ata o quinto posto cun 3,75, a súa peor puntuación ata a data. E tamén baixa nota Mariano Rajoy, que pasa dun 3,31, a un 3,08, e queda antepenúltimo da lista.



Entre Sánchez e Rajoy, pero cun nivel de coñecemento moito menor, sitúanse a portavoz de Coalición Canaria, Ana Oramas (3,66%); o do PNV, Aitor Esteban (3,58%); o cabeza de lista de ERC por Barcelona, Gabriel Rufián (3,56%); o portavoz de Democracia e Liberdade, Francecs Homs (3,17).

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE