Os teleoperadores galegos irán á folga
Protestarán contra a paralización das negociacións do convenio e contra a "precariedade" das súas condicións laborais

Os centros de chamadas en Galicia levan 450 días cun convenio vencido, 15 meses nos que segundo a CIG non se produciu ningún avance na negociación, mentres a situación laboral dos teleoperadores “continúa empeorando”.
Por iso decidiron convocar unha xornada de folga para o vindeiro 5 de abril, acompañada dunha manifestación en Vigo que partirá ás 12:00 de de Unísono na Gran Vía 110 para rematar en Bosch na rúa María Berdiales 20. Paralelamente, na Coruña tamén se convoca unha concentración ás 12:00 diante da delegación do goberno.
Denunciarán a situación dos traballadores das centrales de chamadas, cun nivel baixo de ingresos que os cualifica como “traballadores pobres” con dificultades para acceder a dereitos básicos como a vivenda.
Dende a CIG aseguran que o persoal “non ten dereito a caer enfermo” e que os horarios e quendas están “sometidos a cambios arbitrarios” que dificultan a conciliación da vida persoal e familiar. “Os malos modos por parte de mandos incapaces e escasamente formados, e as descualificacións e incluso insultos, son habituais”, sinalan dende o sindicato.
Fronte a esta situación de “precariedade”, sinalan que as empresas e multinacionais que subcontratan servizos a través deste sector “”presentan beneficios multimillonarios e as empresas de telemárketing incrementan a facturación e os beneficios”. “Non é un sector en crise, todo o contrario”, sentencian.
Escribe tu comentario