AGE advirte da "temeridade" que supoñen as "reválidas" da Lomce
O Partido Popular responde asegurando que se trata de probas destinadas a evaluar o sistema educativo

Despois de que a consellería de Educación confirmase que levará a cabo a polémica avaliación de 3º e 6º de primaria e que varias asociacións educativas anunciasen un intento de boicot, AGE acaba de advertir á Xunta contra a "temeridade pedagóxica, administrativa, organizativa e económica" que para eles representan as probas.
O deputado Ramón Vázquez considera que Galicia se está "a quedar soa" na celebración destas "reválidas". Denuncian que a meirande parte das comunidades autónomas non ten previsto celebrar as probas previstas na Lomce, polo que estas "perden o seu primeiro elemento xustificador, establecer indicadores comúns entre os diferentes sistemas educativos".
Ademais, denuncian que a súa celebración custará "máis de 200.000 euros" nun contexto de "recortes" na educación e falan de contidos que "afectan á intimidade das familias" con preguntas "sesgadas dirixidas a extraer unhas conclusións definidas a priori".
Dende AGE apoian a proposta das anpas galegas de remitir un escrito ás asociacións dándolle á oportunidade aos pais de rexeitar formalmente que se someta aos seus fillos a estas probas e tamén "entenden" o intento de boicot levado a cabo por outras organizacións como a Plataforma Galega en Defensa do Ensino público. Pero en todo caso consideran que o "máis intelixente "sería "paralizar as reválidas diante deste caos organizativo e informativo".
As críticas de AGE foron respostadas polo voceiro do Partido Popular no parlamento galego, Pedro Puy, que quixo salientar que as probas non son reválidas, xa que non supoñen ningún tipo de consecuencia negativa para o alumnado. Admite que a asistencia dos nenos é unha decisión que deben tomar os pais, pero considera que se equivocan pensando que é "unha proba para os seus fillos e non unha proba para o sistema" que educa aos seus fillos. Ademais, considerou que o correcto é cumprir as leis mentres estas están en vigor.
A PGDEP PROGRAMA MANIFESTACIÓNS

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público complementará o seu boicot con concentracións nas distintas comarcas, en centros escolares e ante a Consellería de Educación.
As primeiras chegaran o 4 de maio, ás 18:30 en Santiago, ás 19:00 en Lugo e A Coruña, ás 19:30 en Vigo e ás 20:00 en
Cee, Carballo, Ferrol, Pontevedra, Vilagarcía y Ourense.
O 9 de maio haberá concentracións no recreo dos centros escolares e o 11 de maio ante a sede de Educación en Santiago, coincidindo co inicio das probas. Paralelamente, tamén se colocarán pancartas e carteis co lema 'Nin Lomce nin reválidas'.
Anxo Louzao, voceiro da plataforma, considera "palpable" que a "inmensa maioría" do profesorado está en contra das probas, polo que augura un rexeitamento claro contra exames "innecesarios e inxustificados".
Escribe tu comentario