​Ecoloxistas entregan documentos que "revelan os renglóns torcidos" da tramitación ambiental de Corcoesto

|


A Sociedade Galega de Historia Natural entende que a Xunta "escribiu recto con renglóns torcidos" cando anulou o proxecto da Mina de Corcoesto, despois de aprobar unha Declaración de Impacto Ambiental positiva "que non estivo ben feita". Pero como xa adiantou o seu presidente Serafín González nunha entrevista recente con Galiciapress, non están dispostos a que a mineira reclame indemnizacións que "teriamos que pagar todos os cidadáns galegos" e menos aínda a que intente "reclamar a recuperación deses dereitos que tiña e volver a continuar co proxecto".


Por iso ten remitido ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia documentación coa que pretenden demostrar que se houbo unha actuación "absolutamente arbitraria" como sinala a mineira na súa demanda "non sería unha discriminación contra dita empresa senón ao contrario un claro trato de favor".


En concreto, sinalan que a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental non incluiu na súa Declaración de Impacto Ambiental positiva dúas demandas unánimes dos técnicos e máximos dirixentes da Dirección Xeral de Conservación de Natureza, como eran a obriga de "instalar medidores automáticos dos parámetros fundamentais de calidade das augas en todos os puntos de vertido" e a necesidade de que o estudo ambiental se completase "cunha análise específica dos riscos de contaminación accidental, con base nas experiencias acumuladas noutras explotacións semellantes nas que o medio acuático resultou gravemente contaminado por cianuro".


Ademais, sinalan a existencia dun informe complementario elaborado polo Xefe do Servizo de Análise de Proxectos, Plans e Programas da CMATI que non complementa en absoluto o informe anterior elaborado polo enxeñeiro de montes José J. Martel Muñoz-Cobos e o Xefe do Servizo de Conservación da Natureza da Delegación Territorial da Coruña, Carlos G. Muñoz Martínez, senón que nel "desaparecen" e se "minimizan" varias afeccións ambientais.


En concreto, pásase de afirmar que “o proxecto afecta ao LIC Río Anllons, xa que todalas augas verten neste río ”a dicir que “o proxecto desenvólvese fóra do ámbito do espazo natural protexido”. Do mesmo xeito, o feito de que no treito duns 2700 m do Rego Lourido que se pretendía desviar “existen especies do habitat de interese comunitario 91E0*” minimízase dicindo que “non son formacións moi representativas” e que ten “vexetación de ribeira escasa e pouco representativa”.


Os ecoloxistas denuncian que neste informe complementario tamén desaparece a obxección do primeiro informe de que “na balsa de lodos de lixiviación, non se estima a vida útil do encapsulamento planificado, nin se prevé un plan de seguimento e vixilancia da misma” e a recomendación de que “dadas as características deste proxecto deberíase realizar tanto o estudo(refírese á análise de riscos medioambientais) como a constitución da garantía (fronte a posibles danos) ... e suscribir unha póliza de seguro ambiental adecuada”.


Por todos este motivos, a SGHN entende que a declaración de impacto ambiental positivo non é válida, polo que solicita ante o TSXG que desestime as demandas da mineira e que non condene a Xunta a indemnizala ou devolverlle os dereitos mineiros. Tamén reclaman que condene á Mineira de Corcoesto a pagar as costas procesais. 

relacionada Serafín González, biólogo: "A tramitación ambiental de Corcoesto non se fixo ben a sabendas"
relacionada ​Amigos da Terra levará as súas dúbidas sobre Corcoesto á Físcalía
relacionada La minera de Corcoesto cree que se quedó sin oro por no ceder a las “presiones” de la Xunta
relacionada Feijóo achaca las "calumnias" de Edgewater a un "despecho desproporcionado"

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial Publicidad
Powered by Bigpress