​'Bréxito' en Río

Luis Moreno

Se tivésemos de medir a excelencia deportiva pola cantidade de medallas conseguidas nos recentes Xogos Olímpicos celebrados no Río de Janeiro, o Reino Unido destacaría polo número das súas preseas: 27 ouros, 23 pratas e 17 bronces. Ocupou o segundo lugar no medalleiro final, só superado por Estados Unidos. A cifra de 67 trofeos é impresionante, do mesmo xeito que a variedade das disciplinas onde triunfaron os seus deportistas. Non pode aducirse que concentrasen os seus esforzos deportivos, como sería o caso dalgúns países que contan as súas vitorias en poucas modalidades (sexa a natación, as carreiras de fondo ou o tiro con arco, poñamos por caso). É verdade, con todo, que as súas medallas en ciclismo, sobre todo de pista, foron moi numerosas, como xa sucedeu nas pasada olimpíadas de Londres 2012.


Alemaña ocupou a quinta praza no medalleiro mostrando a súa puxanza deportiva, aínda que lonxe daqueles tempos nos que a suma de triunfos das dúas Alemañas, capitalista e comunista, superaba amplamente a todos os países, incluídos os USA e a URSS (Múnic 1972). Xapón quedou agora á paridade cos alemáns e anuncia un gran potencial de crecemento para os próximos Xogos Olímpicos de Tokio 2020. Francia e Italia referendan as súas notables posicións das últimas olimpíadas coa sétima e a novena posición, respectivamente. De igual maneira, España repetiu o mesmo número de medallas (17) que en Londres, pero gañou varias posicións para ocupar o décimo cuarto posto con máis ouros obtidos. Lonxe quedan as 22 medallas e o 6º posto conseguido en Barcelona 92.


Lémbrese que a edición de Río corresponde aos denominados 'xogos de verán'. Como é sabido, celébranse outro tipo de olimpíadas 'de inverno', aínda que son certamente menos representativas deportivamente en canto a número de especialidades e participantes. Chama a atención o caso dun país nórdico como Finlandia, país líder en educación segundo os informes PISA. O país nórdico obtivo en Río tan só unha medalla (e de bronce) en contraste aos seus triunfos nas edicións de inverno. Lonxe quedan os tempos en que Paavo Nurmi (1897-1973), o 'finlandés voador', marabillaba o mundo como corredor das probas de media e longa distancia en atletismo (gañador de 9 medallas de ouro ao longo da súa carreira).


Considérese, ademais, que desde hai tempo os atletas británicos non se viron envolvidos en vergoñosos casos de dopaxe como sucedeu en pasadas décadas en países concorrentes co Reino Unido no medalleiro de Río. Por comparación, os deportistas británicos teñen un historial máis limpo e homologable ao xenuíno espírito olímpico de competir sen facer trampas. Outra cousa son as opinións dos afeccionados británicos respecto da corrupción nalgúns deportes hiperprofesionalizados como é o fútbol. Como nos lembraba hai uns días John Carlin, é unha crenza bastante estendida nas illas británicas que os países latinos e da Europa do Sur son máis proclives ao chanchullo e a deshonestidade, especialmente en asuntos de fichaxes e transaccións para a contratación de xogadores. Pero o propio escritor e xornalista británico aludía a adestradores de alto perfil, como o mítico Alex Ferguson ou o flamante seleccionador inglés Sam Allardyce, como sospeitosos de condutas non moi exemplares nos procesos de compra de xogadores.


O éxito británico, ou Bréxito indicado no titulo deste artigo, é inapelable, incontestable e contundente. Neste momento, o Reino Unido é un 'superpoder' olímpico ao mesmo nivel que os 'superpoderes' dos USA, China ou Rusia. Os feitos parecen dar a razón aos partidarios do Brexit no pasado referendo do 23 de xuño. Seguen publicándose numerosos pareceres e análises puntuais sobre as razóns polas que unha pequena maioría de británicos decidiron dicir 'non' á Unión Europea. Camuflados no argumentario de xenófobos como Nick Farage e o seu partido UKIP, escondeuse o soterrado convencemento de que o Reino Unido é algo diferente e único que non pode difuminarse no club europeo. Esa foi a principal variable intervinte que decantou o triunfo dos eurófobos.


En realidade validáronse deportivamente os vaticinios de Winston Churchill na súa famosa conferencia de Zúric de 1946. Para o 'British Bulldog', como se coñecía ao xenial estadista, o Reino Unido, con Inglaterra como punta de lanza, debía constituírse no líder natural do grupo de países e ex colonias británicas ('Commonwealth') para así manter a súa influencia e poder independente no concerto internacional. Para Churchill Europa debía unirse, pero o Reino Unido debería quedar fóra e concorrer como potencia mundial independente xunto á Europa federada, aos poderosos EEUU ('mighty America') e á Rusia soviética. A eles habería que sumar hoxe en día á emerxente China. Por encima doutras consideracións, os partidarios do Brexit senten que a súa visión do Reino Unido como un 'superpoder' foi confirmada polo Bréxito en Río. Para que difuminarse como un membro máis dentro do club da Unión Europea? Se cadra importa menos para os 'brexiters', a constatación de que o conxunto da EU obtivo 233 medallas, o que supón case un 60% do total. O que conta para eles é a súa propia porcentaxe do 17%, practicamente igual á de China e ata superior á de Rusia.


Que influencia poden ter os resultados deportivos de Río nas negociacións polo Brexit? Algúns pensarán que semellante pregunta é equívoca e que pouco ten que ver co escenario post-Brexit. Craso erro cometerían os dirixentes comunitarios e europeos se así o pensasen. O extra de autoestima e orgullo colectivo do éxito deportivo británico traducirase, ben seguro, nun reforzamento das esixencias e a proverbial capacidade negociadora do Reino Unido. O adestrador deportivo Clive Woodward explicou 'cientificamente' o Bréxito de Río como unha aplicación deportiva do enfoque económico da 'agregación das ganancias marxinais', mediante o incremento planificado e metódico dun pouquiño no todo para un mellor rendemento final. Non se trata, por tanto, dunha estratexia de grandes avances ou cambios na performance dos deportistas, senón de optimizar, aínda minimamente (digamos que por un 1%), o resultado anterior. Os resultados parecen dar a razón a Woodward.


Theresa May, premier británica, xa indicou que o glorioso espírito meticuloso e gañador de Río será aplicado nas negociacións do Brexit. Os que confiamos nunha Europa unida deberiamos telo moi presente. Á fin e ao cabo, os nosos éxitos conxuntos son maiores que os de calquera dos seus compoñentes individuais.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Más opinión
Opinadores

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE