Unha fábrica de "tecnoloxía punta" creará 90 postos de traballo en Arteixo

|

Ferroatlantica


FerroAtlántica investirá 42 millóns de euros na construción dunha nova fábrica de "tecnoloxía punta" no polígono de Sabón, en Arteixo (A Coruña), especializada na produción de silicio de alta pureza para a industria solar fotovoltaica, segundo informa.


Esta instalación supón, engade a compañía, "un importante investimento en tecnoloxía de última xeración desenvolvida pola compañía desde o ano 2006 na súa sede de I+D de Sabón".


A nova planta terá unha capacidade de produción de 3.000 toneladas anuais de materiais de alta tecnoloxía, ocupará unha superficie de 10.000 metros cadrados, e terá como resultado a creación de 90 postos de traballo directos e 150 indirectos.


O desenvolvemento desta iniciativa empresarial conta co respaldo do Ministerio de Industria e xa foi comunicada á Xunta de Galicia para iniciar as xestións orientadas á súa construción e posta en marcha, "para o que a compañía necesitará algo máis de doce meses", explica nun comunicado.


POSIBLES NOVOS INVESTIMENTOS


Ademais, indica que esta nova tecnoloxía "poderá atraer novos investimentos asociados de alto interese, como a produción de pos de silicio para o desenvolvemento de baterías ou para impresión en 3D, ou a produción de carbón vexetal a partir de recursos forestais autóctonos".


Desde 2006, FerroAtlántica desenvolveu o seu proxecto de I+D 'Ferrosolar' "co obxectivo de fabricar silicio metalúrxico para ser utilizado, posteriormente, como materia prima na fabricación de paneis solares", explica.


O proceso final, que permitirá a purificación do silicio grao solar, é o resultado da colaboración de FerroAtlántica con centros de investigación de Galicia, Madrid e Francia e co apoio de institucións entre as que figuran as universidades de Santiago de Compostela e de Stanford, en Estados Unidos, ou o Insituto Fraunhofer, de Alemaña.


CONSUMO MUNDIAL


Actualmente o silicio de alta pureza para a industria fotovoltaica representa máis do 20 por cento do consumo de silicio metal no ámbito mundial e conta cunhas expectativas de crecemento anual superiores ao 20%, segundo engade a compañía.


FerroAtlántica forma parte da multinacional Ferroglobe, na que o Grupo Villar Mir ostenta a maioría do capital. Esta multinacional conta con 26 fábricas e nove explotacións mineiras en dez países e catro continentes, ademais de contar con máis de 4.500 empregados.


relacionada Máis de 1.800 solicitudes para 25 postos de traballo en Cementos Cosmos

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial
Powered by Bigpress