Soben os fogares con dificultade para chegar a fin de mes, pese ás medidas de aforro

|

Consumo


A porcentaxe de fogares galegos que chegan con moita dificultade a fin de mes aumentou 2,69 puntos no terceiro trimestre do ano en comparación co trimestre anterior, ata o 12,21%, segundo a enquisa conxuntural a fogares que publica este martes o Instituto Galego de Estatística (IGE).


Aínda en variación intertrimestral, produciuse unha diminución de 0,94 puntos na porcentaxe de fogares que chegan con facilidade ou moita facilidade a final de mes (o 43,3%), e de 1,76 puntos na dos que chegan con dificultade (44,35%).


Desta forma, case seis de cada 10 fogares galegos (o 56,56%) non son capaces de afrontar con facilidade os gastos que deben asumir ao longo dun mes.


NINGÚN GASTO EXTRA


O 22,68% dos fogares galegos non se permitiu ningún extra nos tres últimos meses. Considéranse extras os gastos destinados a vacacións ou viaxes, facer fronte a imprevistos ou grandes compras, extras de alimentación, roupa ou calzado, contratar novos servizos para o fogar, saír a cear, ir ao cinema, etcétera.


Tamén se inclúe nesta categoría o poder aforrar e traballar menos horas ou que algún membro do fogar se permitise deixar de traballar.


O 12% dos fogares galegos cambiou os seus hábitos de compra e apostou polas marcas brancas e produtos en oferta. Esta foi a medida económica máis habitual empregada polos fogares para reducir os gastos, aumentar os ingresos ou afrontar pagos no terceiro trimestre de 2016.


Ademais, o 11,44% dos fogares galegos diminuíu outros gastos comúns, como roupa, calzado e transporte, etcétera (non se inclúen nesta categoría os gastos en alimentación).


GASTOS PRÓXIMOS TRES MESES


O 67,33% dos fogares galegos prevé saír a cear, a cafeterías, ir ao cinema ou ao teatro no próximos tres meses, o 33,35% aforrar algo de diñeiro, o 26,54% facer algún extra en produtos de alimentación e o 12,09% pagarse unhas vacacións, viaxes ou estancias de lecer.


Por outra banda, o 16,31% dos fogares galegos está a pagar a vivenda principal que compraron, o 8,62% o coche e o 2,29% unha segunda vivenda.


BAIXA A CONFIANZA DO CONSUMIDOR


No terceiro trimestre de 2016, o indicador de confianza do consumidor (ICC1) reflicte un valor de -17,93 puntos, 1,56 puntos por baixo do referido ao trimestre anterior.


Neste trimestre diminuíron todos os indicadores parciais de perspectivas de evolución: a situación financeira persoal diminuíu 0,29 puntos, o indicador de situación económica en Galicia 0,35 puntos, o de capacidade futura de aforro 1,98 puntos e o de desemprego 3,64 puntos.


O indicador de confianza do consumidor varía en función do intervalo de ingresos do fogar. Os fogares con menores ingresos medios mensuais son os que presentan valores máis baixos no ICC, mentres que a confianza aumenta ao incrementarse os ingresos do fogar.


Así, o indicador no caso dos fogares con menos de 600 euros ao mes alcanza o valor de -39,90, mentres que entre os fogares que máis ingresan ao mes (por encima dos 3.000 euros) o indicador sitúase en 3,44.



relacionada ​Cae a confianza dos consumidores

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Este periódico fue seleccionado por Google News Initiative para su Journalism Emergency Relief Fund

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial Publicidad
Powered by Bigpress