#Claves de la semana

Feijóo toma posesión hoxe e recupera a celebración do Obradoiro

Rajoy participará na festa e o acto institucional da Cámara, ao que prevén acudir os portavoces da oposición e numerosas autoridades. 


|

Feijootomaposesion


O son das gaitas volverá este sábado á emblemática Praza do Obradoiro da capital galega nun acto civil "breve e discreto" que sucederá á toma de posesión formal no Parlamento de Galicia do popular Alberto Núñez Feijóo, quen encara o seu terceiro mandato despois de ser investido presidente esta semana e como único dirixente autonómico con maioría absoluta.


O formato do acto civil será similar ao do ano 2009, tras a súa primeira vitoria electoral. En 2012, optara por prescindir del, dada a situación de dificultade que, por mor da crise, afectaba a Galicia e ao conxunto de España. Agora retómao para o arranque da X Lexislatura que, segundo as súas propias palabras, está chamada a ser a da "consolidación" da recuperación económica.


Algúns grupos como En Marea criticaron esta decisión porque consideran que Galicia "aínda non está para festas", pero os populares ven o acto un símbolo de "normalidade democrática". En todo caso, a celebración será "sinxela" e, aínda que o número de asistentes é difícil de concretar a priori ao ser unha celebración aberta, a reserva fíxose para unhas 1.500 persoas.


5.000 GAITEIROS CON FRAGA


Lonxe quedan os máis de 5.000 'gaiteiros' que o presidente fundador do PP, o falecido Manuel Fraga, levara en 2001 á súa última toma de posesión como presidente da Xunta. Con Feijóo, como en 2009, a música correrá a cargo da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.


O resto do esquema tamén será similar. Unha vez que tomase posesión do seu cargo na Cámara, os membros da Real Banda de Gaitas recibirán a Feijóo en Obradoiro --está aínda pendente de decidir se se despraza camiñando ou non, en función de se se cumpren os tempos e de se a meteoroloxía o permite, xa que podería chover-- e interpretarán a Marcha do Antigo Reino de Galicia.


Prevé chegar sobre as 12,30 horas e, a continuación, pronunciará unha "breve" alocución, á que sucederá a interpretación do Himno de Galicia. Diso encargaranse o barítono Borja Quiza e a soprano Teresa Novoa, acompañados do quinteto Invento.


Mentres o presidente se dirixe á entrada do Pazo de Raxoi, para tomar posesión das súas dependencias, as gaitas volverán soar para poñer o broche final do acto. A peza elixida, como en 2009, será a Muiñeira de Ponte Sampaio, unha peza musical que se remonta a 1809 e rememora a fazaña dun grupo de labradores que, comandados polo coronel Bernardo González Cachamuiña expulsou aos franceses da provincia de Pontevedra.


PRESENZA DE RAJOY


Previamente, Feijóo tomará posesión do seu cargo no Parlamento --se repite a fórmula empregada nas dúas últimas ocasións, optará por 'prometer'-- nun acto institucional que se celebrará no Salón dos Reis a partir das 11,00 horas e ao que acudirá o propio presidente estatal, Mariano Rajoy, como representante do Goberno.


Aínda que como líder da oposición si acudiu en 2009 á toma de posesión de Feijóo tras a súa primeira vitoria en Galicia, desde que é presidente estatal só participou noutro acto desta índole: cando María Dores de Cospedal, secretaria xeral do PP e agora tamén ministra de Defensa, tomou no seu día as rendas de Castela-A Mancha.


A Galicia si acudirá e farao despois de que Feijóo lograse o reto de preservar a única maioría absoluta autonómica de España. Así, Rajoy acompañará a Feijóo e ao presidente da Cámara, Miguel Santalices, na sala na que o dirixente galego tomará posesión do seu cargo.


ACTO INSTITUCIONAL


O encargado de abrir o acto será Miguel Santalices, despois darase lectura ao real decreto de nomeamento do presidente da Xunta e Feijóo procederá a xurar ou (previsiblemente) prometer o seu cargo. Mariano Rajoy intervirá e, por último, será o líder do PP galego o que pronunciará un breve discurso co que concluirá o acto formal da súa toma de posesión.


Á marxe de Rajoy, está previsto que acudan outras autoridades do Estado relevantes como a presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor; e o presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría.


Tamén confirmaron asistencia o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva; e os expresidentes socialistas Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño. O mesmo paso dérono os portavoces dos catro partidos representados na Cámara: Pedro Puy (PPdeG), Luís Villares (En Marea), Xoaquín Fernández Leiceaga (PSdeG) e Ana Pontón (BNG).


Feijóo xa recibiu tras a súa investidura desta semana o saúdo de todos os portavoces, a diferenza do ocorrido en 2012, e os populares celebraron o "cambio de formas e de ton" --tras un mandato no que afean especialmente os "excesos" do que fose portavoz de AGE, Xosé Manuel Beiras--. Ao tempo, apelan ao acordo, mensaxe no que previsiblemente volverá incidir o seu xefe de filas este sábado.


Entre outras autoridades da comunidade, así como representantes da sociedade civil, tamén confirmaron a súa intención de acudir á toma de posesión de Feijóo os alcaldes de Santiago, Martiño Noriega, de Compostela Aberta; e o seu homólogo en Ferrol, Jorge Suárez, de Ferrol en Común.

relacionada ​Feijóo "decidirá" o domingo os nomes do seu equipo
relacionada ​Feijóo é investido Presidente de Galicia por terceira vez
relacionada ​A oposición pide que a maioría absoluta non se use coma un rolete na Cámara
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE