#Claves de la semana

Feijóo dará a coñecer o seu equipo de goberno este domingo

Os focos están sobre a responsable de Infraestruturas, Ethel Vázquez; e as súas homólogas á fronte de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e de Mar, Rosa Quintana. 


|

161112posesion09x


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, prevé revelar este domingo os nomes dos conselleiros que o acompañarán no seu terceiro mandato nun gabinete no que, en principio e a falta de confirmación 'oficial', os populares esperan "continuidade" tanto nos nomes como na estrutura.


No medio do habitual hermetismo de Feijóo, que este sábado tomou posesión do seu cargo, distintos dirixentes do PPdeG auguran que o novo Executivo estará marcado pola continuidade e que Alfonso Rueda, a quen no anterior mandato nomeou vicepresidente, manterase como a súa man dereita.


Nos círculos especulouse nas últimas semanas coa posibilidade de que cre unha segunda vicepresidencia para o actual conselleiro de Economía e outro dos seus homes próximos, Francisco Conde, aínda que hai quen descarta esta vía ao augurar que Feijóo evitará alimentar o debate sucesorio desde o principio do mandato.


A continuidade de Rueda e de Conde, en todo caso, dáse por feita, como se prevé tamén que sigan os conselleiros que entraron na remodelación de outubro de 2015 --Jesús Vázquez Almuiña (Sanidade), José Manuel Rey Varela (Política Social) e Ángeles Vázquez (Medio Rural)--.


Tras esta recente remodelación, houbo dirixentes no partido que subliñaron que Feijóo estaba a articular un Executivo para "outra lexislatura", xa que adoptou decisións relevantes como separar os departamentos de Mar e Medio Rural; e crear unha Consellería de Política Social, á que se prevé que dea "aínda máis protagonismo".


Previamente, Feijóo xa axustara o seu Executivo antes das municipais de 2015, cando saíron Elena Muñoz e Jesús Vázquez para optar ás Alcaldías de Vigo e Ourense, e entraron Valeriano Martínez e Román Rodríguez. Ambos se mantiveron na crise de Goberno posterior e no PP percíbese que o presidente mantén a súa confianza neles, ademais de que "levan pouco tempo" nos seus cargos.


AFRONTAR OS ORZAMENTOS


De Rodríguez, os populares subliñan o seu carácter "conciliador" e de Martínez apúntase que levou "o temón" dos novos orzamentos para 2017. Será o reto máis inmediato e, de feito, na súa primeira reunión na que o novo Consello da Xunta aprobe acordos, está previsto que se aprobe o teito de gasto.


Os orzamentos presentaranse en decembro co obxectivo de que estean en vigor, se os permite a tramitación parlamentaria, en febreiro.


Así as cousas, os focos quedan sobre a actual responsable de Infraestruturas, Ethel Vázquez; e as súas homólogas á fronte de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e de Mar, Rosa Quintana, as dúas veteranas do Goberno de Feijóo e as únicas que seguen ao seu lado desde 2009.


POLÍTICAS APOIADAS NAS URNAS


Á marxe da proximidade da remodelación de 2015, do discurso do propio Feijóo no pleno da investidura despréndese a súa intención de ser continuista na estrutura do seu Goberno e nunhas políticas que os galegos, defenden na súa contorna, "validaron nas urnas" o pasado 25 de setembro.


O propio portavoz popular, Pedro Puy, reivindicou con fervor esta semana o "continuísmo" nas políticas de Feijóo e tamén incidiu en que os galegos as apoiaron co seu voto.


Aínda que haxa "poucos" cambios --hai quen engade a 'coletilla' de "igual ningún"--, os axustes para poñer en valor unha ou outra área poderían chegar a través de modificacións no segundo nivel da administración.


As dúbidas despexaranse, se Feijóo cumpre o previsto, en torno ao mediodía deste domingo, cando faga pública a súa decisión.

relacionada FOTOGALERÍA | A toma de posesión de Feijóo
relacionada Feijóo: "Galicia nunca pedirá máis do que lle corresponde, nin se conformará con menos"
relacionada Villares e Pontón cren que Feijóo se retracta da súa defensa de Galicia
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE