#Claves de la semana

Carmela Silva pide a Cancela que "deixe de enredar" e "dea un paso atrás"

A presidenta da xestora do PSdeG reiterou esta mañá que non dimitirá, animou aos críticos a integrarse no órgano que dirixe e urxiu a necesidade de celebrar primarias e congreso canto antes. 


|

Pilarcancelavscarmelasilva


A presidenta da Deputación de Pontevedra e tenente de alcalde de Vigo, Carmela Silva, pediu este luns á presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, "que deixe de enredar" e "que deixe de facer dano ao Partido Socialista", á vez que a instou a dar "un paso atrás".


Silva respondeu así a Cancela, despois de que esta apostase pola celebración dunhas primarias e un congreso do que saia unha executiva "forte", a fin de resolver a "situación de división evidente" que atravesa a súa formación.


"A miña pregunta é por que non o pediu desde o minuto cero, cando a nomearon a ela presidenta da xestora, por que non dixo ela que non quería ser presidenta dunha xestora e convocou un congreso. Sobrábanos tempo para facelo e non o pediu", afirmou Carmela Silva.


A presidenta da Deputación pontevedresa considera que Cancela "xa lle fixo suficiente dano" ao PSdeG, levando á formación "á peor situación na que nunca estivo", tanto en resultados electorais como en situación interna, "cun partido dividido en dous". "E a única responsable con nome e apelidos chámase Pilar Cancela, eu máis claro non podo falar", sentenciou.


Nunha comparecencia ante os xornalistas, Carmela Silva reiterou que Pilar Cancela "ten que ser xenerosa co Partido Socialista e ten que ser ela a que dea un paso atrás". "Xa está ben de enredar, que sexa xenerosa. Este partido merécese xenerosidade e ela está a demostrar que non a ten", insistiu Silva.


"NON VOU DIMITIR" 


A presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, volveu deixar claro este luns que "non" dimitirá, pero mostrouse partidaria de chegar a "acordos" coas sensibilidades do seu partido que "non senten representadas" na actual dirección provisional. Iso si, recalcou que este órgano personifica "á maioría" da súa formación.


Ademais, ante reiteradas preguntas dos xornalistas nunha rolda de prensa convocada para dar conta de iniciativas do PSOE no Congreso, Cancela urxiu a celebración dunhas primarias e un congreso do que saia unha executiva "forte", a fin de resolver a "situación de división evidente" que atravesa a súa formación.


Sen querer entrar en confrontación co alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen trasladou a Ferraz unha proposta para unha nova xestora do PSdeG que estaría encabezada pola súa man dereita, Carmela Silva, si se preguntou a compostelá que sentido tería "substituír" unha directiva interina por outra e con "as mesmas competencias". E engadíu que "o máis axeitado" para sair desta situación de "división" é que "se sumen as persoas que consideren". 


PROPOSTA


Ás referencias de Cancela sobre a nova xestora do PSdeG proposta polo alcalde de Vigo, Silva replicoulle que "esta non é a lista de Abel Caballero", e aclarou que se trata dunha lista na que se fai unha proposta que integra a todos os presidentes da Deputacións, a todos os secretarios provinciais e a outras persoas, "por tanto é unha lista moi integradora e pode sufrir cambios e pódense dar novos nomes porque é unha lista aberta", resolveu.


A mandataria pontevedresa mostrouse convencida de que "sumar sensibilidades é fundamental" e asegurou que o resto dos socialistas teñen que "arranxar aquilo que a actual presidenta da xestora bombardeou".


"Nós eramos un partido que podía ter debates e posicións diferentes pero no que se podía falar, desde que Pilar Cancela colleu a dirección da xestora este partido está dividido como nunca estivo en Galicia", lamentou Silva. "Uns estamos pola integración, pola unidade, por un debate sereno e elaborar un proxecto serio e rigoroso para Galicia desde as posicións e outras levan meses e meses con ruído e pedíndolle a outros o que ela non fixo. Por tanto, pouca seriedade verdade? ", subliñou.


AMPLIAR A XESTORA


O secretario provincial do PSOE da Coruña, Xulio Sancristán, considerou este luns "inasumible" a proposta do alcalde de Vigo, Abel Caballero, para un cambio na composición da xestora que actualmente conduce o partido a nivel autonómico.


Tras subliñar que a actual dirección interina do PSdeG está "legalmente constituída", Sancristán afeou ao rexedor local que utilice os seus resultados electorais a fin de reclamar o liderado para Carmela Silva. "Tamén outros compañeiros gañaron eleccións e non impoñen unha xestora", advertiu, nunha entrevista na Radio Galega.


O tamén alcalde de Culleredo abriu a porta a unha ampliación da directiva provisional do PSdeG para que as distintas sensibilidades do partido teñan representación; aínda que insistiu no seu rexeitamento a que se constitúa unha nova xestora "que se eternice no cargo", ata o próximo outono.

relacionada Cancela abre a porta a integrar os críticos na xestora do PSdeG
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE