Cancela abre a porta a integrar os críticos na xestora do PSdeG

|

PilarCancelaXestoraPSdeG


A presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, volveu a deixar claro este luns que "non" dimitirá, pero mostrouse partidaria de chegar a "acordos" coas sensibilidades do seu partido que "non senten representadas" na actual dirección provisional. Iso si, recalcou que este órgano personifica "á maioría" da súa formación.


Ademais, ante reiteradas preguntas dos xornalistas nunha rolda de prensa convocada para dar conta de iniciativas do PSOE no Congreso, Cancela urxiu a celebración dunhas primarias e un congreso do que saia unha executiva "forte", a fin de resolver a "situación de división evidente" que atravesa a súa formación.


Sen querer entrar en confrontación co alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen trasladou a Ferraz unha proposta para unha nova xestora do PSdeG que estaría encabezada pola súa man dereita, Carmela Silva, si se preguntou a compostelá que sentido tería "substituír" unha directiva interina por outra e con "as mesmas competencias". E engadíu que "o máis axeitado" para sair desta situación de "división" é que "se sumen as persoas que consideren". 


A presidenta da xestora chamou ademais a "camiñar cara a un modelo de tranquilidade" á vista das eleccións municipais, posto que "é moi difícil trasladar unha mensaxe política en medio de tanto ruído". Ademais, pediu ás voces disidentes que lancen alternativas "para construír e non para dinamitar" ao tempo que apelou ao esforzo conxunto do partido para "non comunicar división e confrontación constante" e reiterou a súa peticion de que se convoquen primarias e congreso "canto antes" para deixar "que a militancia decida", posto que o sinal de identidade do PSdeG, dixo, é "a participación democrática". 


Así mesmo, á vista de que a xestora que a nivel federal preside o asturiano Javier Fernández, aínda non respondeu á súa petición de entrevista, Pilar Cancela deu conta de que leste mesmo luns reiterará esa demanda. "Queremos unha folla de ruta para terminar coas diverxencias", expuxo.


AMPLIAR A XESTORA


O secretario provincial do PSOE da Coruña, Xulio Sancristán, considerou este luns "inasumible" a proposta do alcalde de Vigo, Abel Caballero, para un cambio na composición da xestora que actualmente conduce o partido a nivel autonómico.


Tras subliñar que a actual dirección interina do PSdeG está "legalmente constituída", Sancristán afeou ao rexedor local que utilice os seus resultados electorais a fin de reclamar o liderado para Carmela Silva. "Tamén outros compañeiros gañaron eleccións e non impoñen unha xestora", advertiu, nunha entrevista na Radio Galega.


O tamén alcalde de Culleredo abriu a porta a unha ampliación da directiva provisional do PSdeG para que as distintas sensibilidades do partido teñan representación; aínda que insistiu no seu rexeitamento a que se constitúa unha nova xestora "que se eternice no cargo", ata o próximo outono.


REINCORPORACIÓN DE BESTEIRO 


"Acurtemos os prazos, que haxa unha solución extraordinaria nun caso extraordinario como Galicia, que é ir a un congreso", reclamou, sen deixar de incidir en que o PSdeG "non pode continuar un ano máis nesta situación provisional". "Antes de Semana Santa ten que celebrarse un congreso en Galicia", urxiu.


Finalmente, non sen censurar que o partido estea "a televisar as súas desavinzas", opinou que, se o exsecretario xeral José Ramón Gómez Besteiro "sae absolto" das causas nas que está implicado, "debería incorporarse ao partido en calidade de membro importante".

relacionada ​Leiceaga descarta entrar na xestora do PSdeG se se remodela
relacionada Carmela Silva podería ser a nova presidenta da xestora do PSdeG
relacionada ​Formoso respalda á xestora do PSdeG para pedir a Ferraz cambios nas listas

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial Publicidad
Powered by Bigpress