O Obradoiro tínguese de loito en memoria das vítimas das violencias machistas

|

Obradoiroloitovtimasviolenciamachista


A compostelá Praza do Obradoiro tinguiuse de loito en memoria das vítimas das violencias machistas este venres 25 de novembro, Día Internacional pola eliminación da Violencia de Xénero.


Na mañá deste venres, a praza santiaguesa acolleu o acto central da campaña 'En negro contra a violencia', impulsada desde o Concello de Santiago e que se desenvolve paralelamente noutros 16 municipios galegos co obxectivo de "visibilizar e concienciar" acerca da "secuela" das violencias machistas.


Centos de paraugas negros e brancos formaron o lema desta campaña nun acto que se iniciou cun minuto de silencio en memoria da última vítima da violencia de xénero, unha muller que foi asasinada pola súa parella o pasado xoves en Fuenlabrada (Madrid).


O acto contou coa presenza de representantes de todos os grupos municipais na Cámara compostelá, o reitor da USC, Juan Viaño, o deán da Catedral, Segundo Pérez, a valedora do Pobo, Milagres Otero, o portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, e representantes do Exército e os corpos da Garda Civil, Policía e Protección Civil.


MANIFESTO


O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, foi o encargado de ler un manifesto no que chamou a "seguir avanzando" na loita desde as institucións contra esta secuela e "non caer na falsa imaxe, porque sexa máis visible que anos atrás ou haxa un marco legal máis amplo, é suficiente".


Así, incidiu no "preocupante e desalentador" que é a presenza desta realidade nas xeracións máis novas, á vez que chamou a que a loita contra a violencia machista sexa "unha prioridade política".


TERMO "FEMINICIDIO"


Neste sentido, indicou que o Concello de Santiago propoñerá á Xunta que "avalíe a inclusión do termo feminicidio" na lexislación galega como "concepto estrutural que de conta da violencia específica que sofren as mulleres só por ser mulleres".


Así mesmo, instou ao Goberno galego a que elabore "un estatuto de vítima de feminicidio", así como a que "continúe mellorando os servizos de atención, información e inserción laboral".


Respecto da política municipal, o manifesto resalta que o Concello de Santiago comprométese a manter a violencia de xénero como "unha das prioridades na axenda política" e continuar levando a cabo "medidas de concienciación do conxunto da veciñanza, prevención e educación para a xente máis nova".


"Desde o Concello de Santiago consideramos que é imprescindible unha resposta unánime e firme de todos os poderes públicos e da cidadanía no seu conxunto, que poña de manifesto o rexeitamento social de todas as formas de violencia contra as mulleres", reza o texto lido por Noriega.

relacionada "Temos que traballar duramente para, algún día, non ter que conmemorar o 25N"
relacionada #NonDifundasMachismo, unha campaña contra o tratamento machista da información
relacionada ​Unha app do 112 revelará se chama unha vítima de violencia machista antes de descolgar

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial Publicidad
Powered by Bigpress