Miguel Anxo Fernández recibe o Premio 'Eduardo Blanco Amor' por 'Blues para Moraima'

|

Premioeduardoblancoamor

// Alberte Paz


O escritor, ensaísta e investigador cinematográfico Miguel Anxo Fernández (O Carballiño, 1955) vén de recibir no Liceo de Ourense o XXXV Premio de Novela Longa 'Eduardo Blanco Amor', pola súa obra 'Blues para Moraima'. O certame, dotado con 12.000 euros e unha escultura do artista ourensán Acisclo Manzano, está organizado pola Deputación de Ourense.


No seu discurso, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, felicitou a Miguel Anxo Fernández, reivindicando a súa figura de "ourensán coñecido polo seu inxente labor no eido do cine galego, desde os comezos do cineclubismo no Carballiño, incansable comunicador e crítico recoñecido, doutor en Comunicación audiovisual pola Universidade de Vigo e docente da súa especialidade na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra".


O xurado do premio elixiu por maioría a obra Blues para Moraima de entre 22 novelas presentadas ao premio, subliñando "a axilidade narrativa, o tratamento histórico dunha época e a introdución do tema do cine e a televisión como canle de desenvolvemento dunha intriga que atrapa ao lector". Asemade, o xurado destacou "o punto de vista sobre o exilio e a vivencia artística desde a diáspora, factor de coincidencia coa biografía de Eduardo Blanco Amor".


FUNDACIÓN 'BLANCO AMOR'


No acto, que contou con representantes dos ámbitos institucional, social e cultural, Manuel Baltar remarcou que Ourense "forma parte substancial dos centos de páxinas xornalísticas e literarias que Eduardo Blanco Amor nos legou, e no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" custódianse algúns dos seus orixinais, o arquivo, a biblioteca, obxectos persoais, o valioso legado do escritor a disposición de investigadores".


Asemade, Baltar avanzou que neste mesmo centro cultural "estará a Fundación 'Eduardo Blanco-Amor', cuxos estatutos vimos de aprobar no pasado pleno da Deputación, o que nos permitirá dar maior relevo á figura e á obra de tan ilustre ourensán".



Premioblancoamordeputacionourense

// Alberte Paz


Manuel Baltar dixo que esta fundación "nace con vontade integradora, para unir e aglutinar esforzos, para afondar no estudo" e "para que desde os diversos mundos blancoamorianos, da poesía á novela, da fotografía ó ensaio, da prosa literaria ao verbo de combate e reflexión nos xornais, os seus saberes brillen con intensidade e cheguen ás novas xeracións".


Tamén tivo palabras de recoñecemento o presidente do goberno provincial para os concellos, "que foron e seguen sendo alicerces, non só deste premio senón da nosa identidade como pobo, da nosa lingua e da nosa cultura. O propio, o noso, pasa polo poder local. As iniciativas xorden nos concellos, non só nas grandes cidades e vilas, senón nas pequenas corporacións rurais", e enfatizou que a quen lle corresponde "coordinar e apoiar esa fervenza de creatividade, ese potencial de cultura, é aos gobernos provinciais".


HOMENAXE A BLANCO AMOR


Por outra banda, con motivo do 37º cabodano do pasamento de Eduardo Blanco Amor, autoridades e persoeiros do mundo da cultura galega, renderon homenaxe ao escritor ourensán, nun acto de lembranza no cemiterio de San Francisco.


O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández destacou na súa intervención o labor que realiza o goberno provincial para "reivindicar a obra e figura do escritor que inmortalizou Auria coa súa obra.


A tradicional ofrenda floral na campa onde está soterrado o autor de A Esmorga é un evento que se celebra desde o ano 2004. Nesta XIV xornada de homenaxe a Blanco Amor tamén participaron o presidente do PEN Galicia, Luis González Tosar; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o alcalde do Concello de Ourense, Jesús Vázquez, e alumnos do IES "Blanco Amor", que celebra o seu 50º aniversario.

relacionada ​Ourense contará cun museo da lingua galega protagonizado polos Bolechas
relacionada ​A Deputación de Ourense asina un convenio de colaboración co Liceo

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Este periódico fue seleccionado por Google News Initiative para su Journalism Emergency Relief Fund

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial Publicidad
Powered by Bigpress