Membros da cultura galega piden á Unión Europea "respecto" polas "diversidades nacionais"

|

Lidiasenracampo


Unha delegación de 65 integrantes da cultura galega reivindicaron este mércores en Bruxelas que a Unión Europea mostre "respecto" polas "diversidades nacionais" dos estados membro, á vez que reclamaron "igualdade de dereitos".


O grupo desprazouse ata Bruxelas a iniciativa da eurodeputada de AGEe Lídia Senra, co obxectivo de "visibilizar a situación na que se atopa a cultura galega" e para expoñer aos membros da Comisión Europea as súas demandas.


Uxía Senlle, Chus Pato e Borja Salcedo leron entre os tres unha declaración sobre a cultura galega elaborada pola delegación, na que critican que a Unión Europea "parece esquecer que todo feito identitario comeza por ser cultural".


"Para iso estamos aquí, para lembrar que a cultura galega existe á beira doutras e que, por esquecemento, ignorancia ou desinterese, está a ser agredida, como está a ser agredida a idea dunha Europa xusta e solidaria, socialmente diversa e culturalmente equitativa", dixeron.


Así, Chus Pato denunciou o "constante baleirado político e económico que padecen as culturas europeas na propia Europa", o que ven un "desprezo" cara á cultura galega.


Do mesmo xeito, Lídia Senra acusou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de "facer leis contra o galego" e de aplicar "políticas de austeridade que van contra" a cultura galega.


"Tampouco as institucións da UE están a facer nada para contribuír ao florecemento das diferentes culturas dos estados membro e ao respecto das diversidades nacionais", engadiu, "porque esta UE está construída en base aos Estados-nación e contra os pobos", concluíu.


Finalmente, Senra mostrou a súa intención de contribuír coas xornadas sobre cultura galega que comezaron este mércores no Parlamento Europeo á visibilización deste sector, así como a reivindicar "o papel das persoas traballadoras" da cultura, o seu "dereito para vivir da súa actividade" e o dereito do pobo para "acceder á cultura".

relacionada Senra: "A cultura galega está a ser sometida a un baleirado económico"

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial Publicidad
Powered by Bigpress