Deteñen un home en Pontevedra e dous na Coruña por senllos casos de violencia machista
Os tres casos sucederon entre a tarde do día 31 de decembro e a madrugada de Aninovo.

Un home de 48 anos de idade foi detido en Pontevedra acusado dun suposto delito de violencia de xénero despois de tratar de agredir á súa exparella e romperlle o mobiliario do seu domicilio.
Segundo informou este luns a Policía Local, o suceso tivo lugar ás 3,30 horas da madrugada do día 1, cando o home se presentou na vivenda da súa exparella, onde ela celebraba a festa de Fin de Ano acompañada dun grupo de amigos.
No lugar, o home supostamente tratou de agredir á muller en reiteradas ocasións, feito que trataron de impedir os amigos presentes, e procedeu a romper o mobiliario do domicilio.
Tras ser alertados por un veciño, os axentes acudiron ao inmoble no momento que o presunto agresor trataba de abandonar a zona. Unha vez recollidos os testemuños de varias persoas, a Policía Local procedeu á detención do home.
Axentes da Policía Local veñen de deter a dous homes: un de 35 anos, tras unha actuación policial levada a cabo nunha vivenda de Os Castros, e o outro de 32, neste caso na zona do Ensanche.
En concreto, sobre as 20,28 horas do 31 de decembro, unha dotación policial trasladouse a unha vivenda da zona de Os Castros onde, segundo unha chamada á Sala Operativa do 092, estaba a producirse un episodio de violencia machista. A patrulla atopou no portal do edificio a dous homes, o propietario da vivenda testemuña dos feitos e o presunto agresor.
Aos poucos minutos, baixou ao mesmo portal a vítima que lle explicou á dotación que a súa parella a agarrara fortemente do pescozo e, aínda que non o denunciaba, non era a primeira vez que lle agredía. O denunciado, de 35 anos, foi, posteriormente, detido.
Por outra banda, sobre as 07,12 horas do 1 de xaneiro, unha dotación policial foi requirida por unha muller que se baixaba dun taxi na zona do Ensanche e que denunciou que fora agredida pouco antes polo seu marido que se atopaba aínda no interior do coche.
A patrulla comprobou que a vítima, unha muller de 37 anos, tiña os beizos inchados e marcas na cara e man polo que se detivo ao agresor, un home de 32 anos.
El Pacto de Estado contra la Violencia de Género, "una necesidad urgente"
Escribe tu comentario