​O PPdeG prevé unha negociación "complexa" no debate do financiamento

|

Pedropuypaulapradomigueltellado

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, insistiu en que o Goberno que dirixe Alberto Núñez Feijóo poderá negociar mellor no marco do novo sistema de financiamento autonómico se conta co respaldo da oposición, á vez que constatou que, no ámbito político, sempre é "máis fácil pactar" se hai "liderados fortes".


Nun almorzo informativo no que participaron, ademais, os viceportavoces Paula Prado e Miguel Tellado, tamén secretario xeral do partido, Puy sinalou a "incerteza" que se dá, no debate do financiamento, ante "algunhas formulacións que serían claramente prexudiciais" para Galicia.


"Como os que se refiren á ordinalidade, que no seu día foron moi debatidos na reforma do Estatuto catalán", exemplificou, convencido de que, neste contexto, "cantos máis grupos" apoiasen ao Goberno da Xunta, "máis fácil sería conseguir que o sistema de financiamento resultase satisfactorio para Galicia e o conxunto do país".


Á espera da Conferencia de Presidentes, convocada para o 17 de xaneiro e na que se abordará esta cuestión, Puy non quixo avanzar se o Grupo Popular contactará co resto de formacións ou convocará reunións para tentar profundar en posturas de acordo e esgrimiu que a batuta a levará, neste caso, o Goberno galego.


Si incidiu, en todo caso, no positivo que resultaría o acordo para a demanda de investimentos en infraestruturas ferroviarias (está pendente que o Goberno concrete a data de chegada do AVE a Galicia) e en financiamento autonómico.


Respecto diso, destacou que o PSdeG "parece compartir a filosofía" dos populares, mentres que En Marea "non se pronunciou" e o PPdeG confía en que se "se integre" tamén "nos obxectivos" que defenderá a Xunta. En canto ao concerto económico que reivindica o BNG, reafirmouse en que sería "claramente prexudicial para Galicia".


"A negociación será complexa", remarcou o portavoz do PPdeG na Cámara galega, quen subliñou que o obxectivo é alcanzar "unha solución de equilibrio estable".


"LIDERADOS FORTES" PARA PACTAR


Puy destacou a actitude dos grupos e o diálogo co que arrincou esta lexislatura á hora de abordar cuestións de "organización" na Cámara (como o número de iniciativas que se inclúen nas sesións de debate, por exemplo), algo que "non ocorría" na mesma medida en anteriores mandatos.


En clave de diálogo político, apuntou que o debate dos orzamentos e das súas emendas (parciais e de devolución) evidenciará a disposición dos grupos ao acordo e o seu "discurso". Iso si, subliñou que a experiencia do PPdeG, tanto na oposición como no Goberno, evidencia que os "liderados fortes" facilitan o diálogo.


"Con liderados débiles é máis difícil chegar a acordos", aseverou, tras subliñar que os populares están "á expectativa" da evolución que sigan os partidos rivais --PSdeG, En Marea e BNG-- en clave interna. Do PPdeG, tras a última vitoria electoral de Feijóo, destacou a "tranquilidade interna", con "un liderado claro" e "un magnífico secretario xeral", Miguel Tellado.


De feito, mostrouse convencido de que, se no anterior mandato, o PSdeG non vivise a "crise interna" no que se viu inmerso, puidéronse ter máis acordos en determinados asuntos nos que os socialistas acabaron optando pola abstención.


EN MAREA PIDE "SOBERANÍA FISCAL"


O portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, asegurou que o partido instrumental está disposto a dialogar co PP sobre o sistema de financiamento, que cre que debe incrementar a "soberanía fiscal" de Galicia e dar unha "maior suficiencia financeira" que permita conseguir os recursos necesarios para financiar os servizos e atender as necesidades dos galegos.


Villares advertiu de que "se o Partido Popular entra na clave seguidista de facer o que lle digan desde Madrid", "aí si que non haberá acordo".


Na súa intervención, Villares considerou que "un sistema de financiamento propio para Galicia non ten por que ser coincidente co doutras comunidades autónomas, teñan carácter histórico ou non". "Agora se, temos unha cousa ben clara, nós non podemos ser tratados como unha comunidade autónoma de segunda ou que non se nos teñan en conta as nosas especificidades", subliñou.


"O que si hai que ter claro é que existe a posibilidade de buscar un sistema de financiamento adaptado a nosa propia realidade, e que iso non sempre ten que coincidir cos modelos ensaiados noutras comunidades", apuntou.

relacionada O PP apoia avanzar na fusión "voluntaria" de municipios con "incentivos eficaces"
relacionada A Xunta rexeita o concerto económico para Galicia e táchao de "pésimo negocio"
relacionada ​Feijóo pide separar o gasto sanitario no pacto de financiamento autonómico

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Cabecerarecomendados 1
Cabeceraultimahora
Cabeceralomasleido 1


Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condiciones de uso Consejo editorial
Powered by Bigpress