Porriño, (Pontevedra9, Acto de clausura da Asemblea de Empresas de CEAGA

Feijóo salienta que a unidade e profesionalidade da automoción xunto á cooperación institucional permiten a Galicia estar preparada para iniciar anos de crecemento económico no sector

|


O Porriño (Pontevedra).- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que o compromiso e a unidade de todo o sector da automoción, a pericia profesional dos 18.000 traballadores que viven del, xunto á cooperación institucional permiten a Galicia estar preparada para iniciar “uns próximos anos de crecemento económico no sector”, facendo fronte a catro grandes retos: máis produción, máis innovación, máis internacionalización e mellor loxística.


No eido da produción, e logo de valorar a decisión de PSA de adxudicar os novos modelos de vehículos comerciais lixeiros á planta de Balaídos, cunha produción garantida de dous millóns de unidades en dez anos, Feijóo avogou por traballar para acadar un segundo paso: incrementar a porcentaxe de participación da industria auxiliar implantada en Galicia.


Na Clausura da Asemblea de Empresas de CEAGA, o responsable do Executivo autonómico salientou que en Galicia fabrícase entre o 70 e o 80 por cento dos compoñentes dun automóbil; “e, polo tanto, -aseverou- aínda hai marxe no ámbito da produción”.


Así mesmo, resaltou tamén a receptividade da multinacional francesa e, neste sentido, referiuse á intención de PSA de ofertar ás empresas auxiliares de Galicia máis pezas para os novos modelos como o K-9; “e o feito de que haxa 46 empresas que ofertan prezos para pezas que non facían para PSA, é outra proba máis neste eido”, engadiu.


En relación á innovación, Feijóo lembrou que, nos últimos anos, a industria de compoñentes ten investido máis de 600 millóns para adaptarse aos novos lanzamentos previstos na península ibérica.


Garantiu o apoio do Goberno galego, como ten demostrado dándolle á automoción un peso moi importante dentro da primeira convocatoria de unidades mixtas. “Existen tres unidades mixtas que conxuntamente mobilizan máis de 12 millóns, e espero que siga tendo un papel predominante na segunda convocatoria”, sentenciou.


No tocante á internacionalización, Feijóo subliñou que se leva tempo tamén afondando neste campo, como proba o feito de que na industria de compoñentes o 73% da facturación corresponda a exportacións; e, sobre todo, que o volume de negocio se incrementase en 100 millóns –un 10% máis- grazas ás exportacións.


O presidente da Xunta fixo fincapé en que o camiño da internacionalización vai da man do cuarto reto: a mellor loxística posible. E, neste eido, afirmou que Vigo e Galicia contan tamén con moitas posibilidades: “Somos cabeceira dunha autopista do Mar que comeza a funcionar; temos unha posición estratéxica respecto ao novo Canal de Panamá; abriremos tamén o camiño do AVE; e tanto o Porto Seco de Vigo, como a Zona Franca e o Porto de Vigo, son tamén respostas importantes para a futura loxística do sector”.



Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Este periódico fue seleccionado por Google News Initiative para su Journalism Emergency Relief Fund

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial Publicidad
Powered by Bigpress