#Claves de la semana
ELECCIOS MUNICIPAIS 24-M

Anova e EU impulsan para as xerais un novo suxeito político

Os socios de AGE din que "ningunha organización en solitario" logrará o cambio e o BNG céntrase en conseguir grupo galego no Congreso


|

Tras os resultados obtidos polas mareas nas eleccións municipais do pasado 24 de maio, fundamentalmente nas cidades da Coruña e Santiago de Compostela, os líderes de Alternativa Galega de Esquerda, Xosé Manuel Beiras (Anova) e Yolanda Díaz (EU-EU), apostan por dar continuidade ás candidaturas de confluencia a través “dun novo suxeito político” para as xerais, unha fórmula de unidade que tivo a súa primeira experiencia na alianza que ambas as forzas protagonizaron nas galegas de 2012, cando irromperon con nove deputados no Parlamento galego.


O BNG, pola súa banda, aínda que coincide na necesidade de traballar pola unidade, mantén o seu veto ás formacións con dependencia estatal, como a propia Esquerda Unida ou Podemos, e está máis centrado en reagrupar o nacionalismo galego, que en xaneiro de 2012 sufriu as dúas maiores escisións nos seus 30 anos de historia.


Así, os dirixentes de AGE creen que aínda é pronto para esixir que a conformación dunha “fronte ampla” estea lista, porque as mareas aínda teñen que asentarse alí onde gañaron; pero, este martes Beiras subliñou que as conversacións teñen que empezar “xa”, en canto se poida.


Tras a reunión da xunta de portavoces do Parlamento, Beiras defendeu a interlocución entre formacións políticas, en aras de acompañar a conformación dese “novo suxeito político”. Con todo, incidiu en que estas negociacións deben levar coa “máxima discreción” e “sen andar canturreando por aí o que se fala”.


A visión do veterano político nacionalista é buscar a unidade para que Galicia poida “condicionar” no Estado e, ao seu xuízo, iso pasa por pactos con formacións doutras “nacións sen estado” e con aquelas formacións políticas que respecten a plurinacionalidade do Estado, entre as que se incluiría Podemos, a formación que lidera Pablo Iglesias.


De feito, Anova-Irmandade Nacionalista xa compartiu candidaturas con Esquerda Unida, ademais de nas galegas de 2012, nas europeas de 2014. Tamén o fixo nas municipais, cita electoral na que inscritos de Podemos se sumaron en localidades como Santiago de Compostela, A Coruña, Pontevedra e Ferrol (esta candidatura non estivo apoiada oficialmente pola dirección galega por unha cuestión procedemental, xa que non conta con consello cidadán local).


“TSUNAMI EN XENERAIS”


Neste sentido, a coordinadora de Esquerda Unida, que lanzou por primeira vez a mensaxe dunha ‘marea galega’ no mitin do 12 de maio da Marea Atlántica da Coruña no que participou o líder de Podemos, defendeu que se trata de deseñar unha ferramenta que sirva para converterse nun tsunami nas xerais”.


“Porque só a través da unidade seremos capaces de chegar á Moncloa”, manifestou Yolanda Díaz. Díaz, que considera “indiscutible” o liderado de Pablo Iglesias e recoñécelle a Podemos que poida ser unha forza “hexemónica” no proceso, coincide na necesidade de deixar de lado as siglas para a constitución desa candidatura.


Beiras e Díaz, en todo caso, insisten en que o “protagonismo” debe ser da xente, aínda que, como dixo o líder de Anova, “é necesario que haxa unha estratexia conxunta” das forzas “rupturistas” ou que rexeitan de plano as políticas actuais. “Pero iso non debe nin prexulgar nin marcarlle a ruta a que a iniciativa debe partir da propia cidadanía”, insistiu, antes de mostrarse “confiado” en que a unidade para o 24 de maio “poida continuar”.


“A cidadanía activa debe liderar o proceso e os partidos ser o motor auxiliar”, conveu o coordinador de Anova, Antón Sánchez. Iso, para “unha confluencia ampla” e “na que haxa xenerosidade” de todas as forzas políticas que se sumen, entre as que lle gustaría que estivese o BNG.


DIFERENTE VISIÓN DE CONFLUENCIA


Doutra banda, Beiras asegurou que “a cuestión nacional de Galicia” resolverase se “se establecen alianzas coas outras forzas das nacións e as estatais que asumen a pluralidade nacional”.


Neste sentido, lembrou que a súa formación ten documentos políticos desde o ano 2013 que apoian esta tese de por onde camiñar e que xa aplicou nas europeas de 2014, cando se creou a marca Alternativa Galega de Esquerda en Europa para Galicia, aínda que a lista estaba incluída na impulsada por Esquerda Unida a nivel estatal.


O BNG coincide no diagnóstico con Beiras en que Galicia debe “condicionar” no Estado, convencidos ambos de que vai haber nova “transición” política. Pero os nacionalistas, como expresou este martes de novo o seu portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, insisten en vetar a formacións políticas que teñan centro de decisión estatal e que, a ollos do Bloque, cederían nas reclamacións de Galicia.


Así, e aínda que o BNG vai iniciar unha rolda de asembleas abertas, retomando as celebradas para debater programas e candidaturas e incorporando a independentes para as municipais, as liñas vermellas seguen sendo as mesmas que impediron candidaturas unitarias nas galegas de 2012 (cando o BNG acababa de sufrir unha escisión que desembocou en Anova e noutra organización, Compromiso por Galicia) e nas europeas de 2014, que supuxo que as tres patas principais do nacionalismo establecese outras tantas alianzas para concorrer.


Jorquera insistiu en “diferenciar tempos” e subliñou que agora toca “escoitar” á militancia e aos simpatizantes. Pero o obxectivo, baixo o seu punto de vista, é lograr unha “candidatura que se fixe como obxectivo que no próximo Congreso haxa un grupo parlamentario galego propio, non sometido a ningunha obediencia estatal, e que inflúa para que Galicia conte”.


As especificidades existentes en Galicia pola cuestión nacionalista tívoas en conta o líder de Podemos, quen en días pasados, preguntado polos procesos electorais na Comunidade galega, afirmou que Podemos “tenderá a man a todos os sectores” das mareas, e recoñeceu que “o ecosistema galego ten as súas particularidades”.


Ningunha organización en solitario pode propiciar o cambio” nin en Galicia nin en España, manifestou, polo seu lado, Antón Sánchez. Anova tamén aprobou, no seu máximo órgano de decisión entre asembleas, unha reivindicación de que “a cidadanía activa, as mareas e as candidaturas de unidade popular deben protagonizar a nova fase que se abre” tras as municipais.

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE