#Claves de la semana
RECONHECEMENTO A PROL DOS VENCELLOS ENTRE PORTUGAL E GALICIA

O presidente de Portugal outorga a Gran Cruz da Orde do Infante Don Henrique a Núñez Feijóo

Feijóo comparte esta honra co secretario de Enerxía dos Estados Unidos, Ernest Moniz.


|

O presidente da República Portuguesa, Aníbal Cavaco Silva, vén de outorgarlle ao responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, a Gran Cruz da Orde do Infante Don Henrique. Esta é unha das máximas condecoracións que concede a Presidencia da República para agradecer, con motivo do Día de Portugal, os servizos prestados na expansión da cultura portuguesa, a súa historia e os seus valores.


OrdensHonorificas.jpg

A Orde do Infante Don Henrique é, xunto coa Orde da Liberdade, a orde civil honorífica máis importante da República portuguesa. Dentro dela, a Gran Cruz é o segundo maior grao, despois do Gran Colar, que só reciben xefes de Estado.


Tal e como recolle o comunicado oficial da Presidencia da República Portuguesa, Feijóo comparte esta honra co secretario de Enerxía dos Estados Unidos, Ernest Moniz.


O responsable do Goberno galego recibe este galardón en recoñecemento da súa implicación para relanzar, modernizar e actualizar os vencellos entre Portugal e Galicia, para dar a coñecer a cultura e a lingua lusas e para afianzar a amizade e a cooperación entre os dous territorios veciños.


Avances na cooperación e no intercambio cultural


Feijóo reforzou desde a Xunta a cooperación transfronteiriza no contexto da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, un pulo que se materializa nas accións conxuntas dentro da Comunidade de Traballo e de programas como o Iacobus, que fomenta o intercambio universitario entre ámbalas dúas comunidades. Avanzouse tamén na constitución da Macrorrexión do Suroeste Europeo, do que forman parte Galicia, Castela e León e Asturias e as rexións Norte e Centro de Portugal.


No eido cultural, a Xunta recolleu a vontade reflectida na Lei 1/2014 para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía (coñecida como Lei Paz Andrade) mediante o Memorando para a adopción do portugués como lingua estranxeira, que incluirá a lingua do país veciño como opcional e de avaliación curricular no sistema educativo non universitario da Comunidade. Este protocolo asinárono na Coruña os presidentes Feijóo e Cavaco Silva o pasado 19 de febreiro.


Entre as persoas non portuguesas que recibiron a Gran Cruz ao longo destes anos, atópanse persoeiros como o filólogo Fernando Lázaro Carreter; o ex-presidente da Comisión Europea Jacques Delors e o actual, Jean Claude Juncker; o fundador de Microsoft, Bill Gates; a raíña dona Sofía e a primeira muller que presidiu o Parlamento Europeo, Simone Veil.

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE