#Claves de la semana
E 3.800 ALUGARON CUOTA INNECESARIA POR 10,8 MILLONS

Uns 60 gandeiros galegos deberán pagar 5 millóns de euros por supertasa

A isto súmase que uns 3.800 gandeiros galegos alugaron cota dunhas 210.00 toneladas no último exercicio “sen necesidade”. Unha situación da que Unións Agrarias responsabiliza de forma directa á administración por “un fracaso” nas súas planificacións, ao asegurar en 2014 ía haber unha sobreprodución de 300.000 toneladas -cando finalmente se quedou en 38.000-


|

vACUNO.jpeg

Uns 60 gandeiros galegos terán que pagar ao redor duns 5 millóns de euros de multa -supertasa- por pasar a produción permitida na última campaña de cotas. Así o cifrou o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, despois de que se coñeceu que en toda España un total de 130 explotacións -unhas 60 son galegas- deberán pagar por supertasa 10,5 millóns de euros, que poderán abonar a prazos en tres anos. No total do Estado excedeuse o fixado nunhas 38.000 toneladas, correspondendo un 20% diso a dúas grandes compañía de fóra de Galicia.


A isto súmase que uns 3.800 gandeiros galegos alugaron cota dunhas 210.00 toneladas no último exercicio “sen necesidade”. Unha situación da que Unións Agrarias responsabiliza de forma directa á administración porpor “un fracaso” nas súas planificacións, ao asegurar en 2014 ía haber unha sobreprodución de 300.000 toneladas -cando finalmente se quedou en 38.000-


En rolda de prensa celebrada en Santiago este venres, Roberto García censurou que a Administración ten “unha responsabilidade que roza o patrimonial”, pois provocou que 3.800 gandeiros galegos tivesen que pagar unha multa “na sombra” ao alugar cota por valor total de 10,8 millóns de euros que finalmente non lles fixo falta.


Precisamente, o pasado mércores no pleno do Parlamento galego a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, avanzou que as multas por sobreprodución láctea en Galicia serán menos das inicialmente estimadas, aínda que sen achegar cifras. Ademais, asegurou que “as advertencias reiteradas da administración” conseguiron “frear a euforia desmedida dalgúns gandeiros”, que estaban a ser “alentados” por “algún gurú”.


Roberto García fíxose eco desas palabras de Quintana para facer mención a que parece que eses “gurús” tiñan razón á hora de estimar á baixa a sobreprodución, en contraposición ao que, segundo recrimina, fixo o Goberno galego dando lugar a unha multa “indirecta” para 3.800 explotacións.


“PRIMEIRA VEZ NA HISTORIA RECENTE” QUE DESCENDE A PRODUCIÓN


Así mesmo, Roberto García valorou os datos coñecidos o pasado mércores nos que o Ministerio de Agricultura fixo público que a produción láctea galega caeu case un 10% en abril, o primeiro mes sen cotas lácteas, mentres que o prezo que se pagou a produtores baixou uns 2 céntimos o litro respecto de marzo.


Os 28,7 céntimos de euro que perciben de media os 8.608 produtores galegos son 2,4 céntimos menos que a media española que se sitúa en 31,1 céntimos. Por iso, Roberto García advirte de que con estas cifras os únicos que terán “perdas” serán os gandeiros galegos, xa que o caer ata os 28 céntimos separa “poder continuar producindo” de non facelo.


Respecto diso, García alertou de que “por primeira vez na historia recente”, desde a entrada en Europa fai 20 anos, baixa a produción en Galicia.


Así, a pesar de que abril foi o primeiro mes sen límite de produción, deuse “unha situación sen precedentes”, segundo denuncia Roberto García, posto que “cada mes e ano” ía aumentando o volume de leite, pero o temor dos gandeiros a non poder colocar todo o producido provocou este descenso.


E é que tal como reflectían os datos feitos públicos o pasado mércores por Agricultura, a produción de leite en Galicia foi de 201,4 millóns de quilos de leite en abril, case 22 millóns menos que os 223,1 millóns de quilos que produciron en marzo, o último mes con cota láctea.


Todo iso, mentres a produción medrou en abril ata un 28% en Castela e León e en Andalucía alcanzou un 16% respecto ao mes de marzo.


QUE A ADMINISTRACIÓN ACTÚE ANTE UN “PLAN DE RECONVERSIÓN”


Con todo, o secretario xeral de UU.AA. sinalou que non teñen constancia de que polo momento pechen explotacións en Galicia durante o período sen cotas desde abril, pero chama a atención de que na actualidade uns 8.600 gandeiros venden leite cando na última campaña facíano máis de 9.000.


Así as cousas, reclamou á Administración galega e central que actúen ante “un cóctel” de baixos prezos, idade avanzada dos gandeiros, problemas de recollida e baixada da produción, que pode dar lugar a un “plan de reconversión” no campo galego.


Tamén avanzou que se vai a expor unha iniciativa lexislativa para que os intermediarios conten cunha licenza de comprador acreditada para que non existan “contratos lixo” como os que se están dando entre os 18 e 22 céntimos o litro, e para que anulen estes contratos. De feito, asegura que Loxística Alimentaria está a realizar liquidacións por “cinco ou seis céntimos” o litro, no que identifica como “apropiación indebida”.


XA HAI TRES SENTENCIAS FIRMES DA AICA


Por outra banda, Roberto García informou sobre as últimas denuncias presentadas ante a Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), dependente do Ministerio de Agricultura.


Así, sinalou que houbo 78 denuncias por incumprimento da lei de cadea alimentaria, outras 30 relacionadas co paquete lácteo e 13 por venda a perdas.


Do total, hai tres con sentenza firme, cunha multa a unha cadea de distribución e dúas a industrias, aínda que segundo se queixou Roberto García, o Ministerio non fixo público o nome destas compañías, o que critica por “ocultismo”.

Ademais, 24 denuncias seguen en investigación e 16 foron arquivadas por non poder demostrarse a venda a perdas, mentres que sinalou que se incrementaron as inspeccións a primeiros compradores.

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE