Xinzo de Limia, en Ourense, sitúase na vangarda artística co Certáme de Pintura Mural “Matrioska”
Artistas de Belas Artes pintarán paredes de edificios co obxectivo de recuperar espazos da vila, incentivar a actividade artística e reivindicar Xinzo como un lugar de creatividade.

Xinzo de Limia organiza entre os días 5 ao 12 de xullo unha actividade que o sitúa á vangarda artística entre as vilas que promoven iniciativas creativas relacionadas ca arte. Trátase do I Certame de pintura mural "Matrioska", que converterá a capital da Limia nun "gran lenzo" onde artistas de ámbito nacional e internacional pintarán nas paredes medianeiras de sete edificios obras de arte creadas por eles "para reivindicar Xinzo como un lugar de creatividade e achegar ao público o noso traballo artístico", explicou Iván Prado, representante do movemento "Espacio Matrioska", na presentación.
A actividade, que co-organizan a Deputación de Ourense, o Concello e "Espacio Matrioska", "sitúa a Xinzo como un municipio que aposta pola innovación artística e a mocidade", afirmou Manuel Baltar, engadindo que unha vez máis a nosa provincia sitúase na vangarda creativa, como xa acontece co Ourense ICCWeek e agora con este certame, que representa unha das modalidades máis antigas de creación artística, con referentes no paleolítico, logo no Renacemento e na actualidade na cultura do graffiti".
Destacou que talento e creatividade "van da man nunha iniciativa que posiciona a Xinzo como un municipio achegado á arte e que abre novas perspectivas aos creadores", unha opinión que foi referendada polo alcalde da vila quen afirmou que esta é tamén "unha forma de promocionarse para os novos artistas, favorecendo unha convivencia cultural con outros creadores e interactuando en directo, na mesma rúa, co público". Antonio Pérez agradeceu o apoio da Deputación de Ourense a esta iniciativa e ao colectivo "Espacio Matrioska" "o pulo que lle está a dar ás disciplinas artísticas, acompañado da dinamización do rural, a promoción e o reclamo turístico".
Os murais que pintarán os artistas serán seleccionados pro un xurado e realizaranse como anticipo e reclamo das festas patronais de Xinzo. A temática das obras será libre e os creadores disporán de todo material necesario para a realización das pinturas así como do andamiaxe acaído para realizar seu traballo.
Os promotores desta iniciativa, "Espacio Matrioska", é un colectivo de intercambio, arte, aprendizaxe e convivencia que reúne a novos artistas que tentan abrirse camiño no ámbito laboral das belas artes. Entre os próximos proxectos que van levar a cabo figura a creación dunha residencia de artistas, a organización dun festival de artes e músicas, e un mercado de artesanía.
Escribe tu comentario