O PLENARIO REUNIRSE O 4 DE XULLO
Manuel María, Xela Arias e Carballo Calero, candidatos ás Letras Galegas do ano 2016
A institución académica desvelou as candidaturas que conseguiron os avais este venres e anunciou que o plenario se reunirá o próximo 4 de xullo para tomar unha decisión sobre a figura á que dedicará as Letras do próximo ano

De esquerda a dereita Manuel María, Xela Arias e Carballo Calero
Xela Arias Castaño, Ricardo Carballo Calero e Manuel María serán os candidatos entre os que o pleno da Real Academia Galega decidirá ao homenaxeado no Día das letras Galegas 2016.
A institución académica desvelou as candidaturas que conseguiron os avais este venres e anunciou que o plenario se reunirá o próximo 4 de xullo para tomar unha decisión sobre a figura á que dedicará as Letras do próximo ano, e que se fará pública ese mesmo día.
Estas tres figuras xa foron candidatas durante o proceso do que resultou elixido Xosé Filgueira Valverde como homenaxeado de 2015, e que suscitou certa polémica entre un sector da sociedade galega.
A traxectoria de Xela Arias Castaño (1962-2003), falecida con solo 41 anos de idade, estivo marcada pola súa obra poética e tradutora, formando parte do primeiro equipo de Edicións Xerais. Dos seus textos e publicacións, destaca a edición do seu poemario 'Tigres coma cabalos', unha obra que xerou impacto no panorama literario galego no ano 1990.
O ferrolano Ricardo Carballo Calero (1910-1990) destacou, pola súa parte, polo seu carácter polifacético. Licenciado en Dereito e en Filosofía e Letras, primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da USC, secretario do Seminario de Estudos Galegos e defensor do reintegracionismo, estivo dedicado tanto ao ensaio, coma á narrativa, a poesía ou o teatro.
Pola súa banda, a vida de Manuel María (1929-2004) caracterizouse tanto por unha extensa obra poética coma polo seu profundo compromiso político co nacionalismo galego e a recuperación da cultura galega en ao clandestinidade, durante o franquismo. Os temas dos seus textos abordan dende a voz existencialista e o amor, ata o compromiso social e político. Foi colaborador de Burla Negra e a Plataforma Nunca Máis tras a catástrofe do Prestige.
Escribe tu comentario