#Claves de la semana
POLITICA

Anova busca unha candidatura na que Galicia manteña a súa identidade e non sexa apéndice dunha marca política

O histórico dirixente nacionalista, Xosé Manuel Beiras, asegurou este sábado que o seu partido aposta por unha candidatura para as eleccións xerais na que Galicia manteña a súa “identidade” e non sexa un “apéndice” dunha “marca política”, como “Podemos” ou “Esquerda Unida”.


|


O covoceiro de Anova e histórico dirixente nacionalista, Xosé Manuel Beiras, asegurou este sábado que o seu partido aposta por unha candidatura para as eleccións xerais na que Galicia manteña a súa “identidade” e non sexa un “apéndice” dunha “marca política”, como “Podemos” ou “Esquerda Unida”.


Deste modo, a candidatura que defende Anova para os comicios xerais “non se trata dunha alternativa electoral organizada en forma de coalición das forzas políticas nacionalistas”, pois, segundo explicou Beiras tras a conferencia nacional do seu partido, a nación galega é “unha realidade social que transcende o espazo das forzas políticas nacionalistas”.


Para o político nacionalista, “o importante” é que todas as forzas políticas que se adhiran a esta alternativa asuman o seguinte: “Ruptura democrática”, “apertura dun proceso constituínte”, Galicia como “nación e pobo con dereito a decidir” e “protagonismo da cidadanía”.


E é que, para o covoceiro de Anova, a cidadanía foi o “motor primordial” do cambio; mentres que as mareas –tanto as “grandes” como as xurdidas nos concellos galegos– foron a “expresión máis clara” do “ciclo histórico” que “se está a abrir”. Por iso, Beiras defendeu que os “hábitos adquiridos” polas forzas políticas do “ciclo anterior” deben ser desterrados.


Desta forma, o histórico dirixente nacionalista aposta por que nas próximas eleccións xerais “debe emerxer” a nación galega como “suxeito político soberano”. Por esta razón, Anova busca unha “opción aberta” na que se insiran forzas políticas que asuman o exposto anteriormente.


PODEMOS, “NIN CONFÍO NIN DESCONFÍO”


Preguntado pola posibilidade de que Podemos cambie de opinión e decida formar parte dunha candidatura de unidade popular para os comicios xerais sen impoñer a súa propia marca, Beiras respondeu do seguinte xeito: “Nin confío nin desconfío”.


A liña seguida, opinou que “o lóxico” é que unha forza política “non tome decisións prematuras”. “Sobre todo se as toma con carácter irreversible”, opinou.


“Eu dicíalle a Pablo Iglesias en A Coruña: ti sabes perfectamente que unha decisión dunha asemblea pode ser rectificada, modificada por outra asemblea,” relatou o covoceiro de Anova, xusto antes de precisar que “tan soberana” é a asemblea que “tomou ese acordo” como a asemblea que “se”poida convocar” para dicir que, na situación actual, se opta por “respectar” os “suxeitos políticos” da “realidade plurinacional” do Estado. “Non só con palabras, senón con feitos”, agregou.


“Non podemos intentar impoñer que a nosa marca sexa unha marca cun guión e un apéndice dunha nación que é, por si mesma, unha nación. E ten dereito á soberanía e nós asumímolo”, explicou Beiras, para logo asegurar que este asunto o ten que resolver Podemos e “non Beiras nin Anova”. Con todo, fixo fincapé en que non pode “confiar en confiar porque depende deles”, en referencia ao partido de Pablo Iglesias.


“FRONTES AMPLAS”


Preguntado entón de qué proposta de candidatura se atopa máis preto Anova, se da que defende o Bloque ou de ‘Ahora en común’, Beiras resaltou que a candidatura que defende o seu partido “non é unha terceira alternativa”. É máis, asegurou que Anova leva defendendo esta postura dende a súa constitución, ao apostar en todas as convocatorias electorais por “frontes amplas”.


A este respecto, matizou que, nas eleccións municipais, xurdiu a figura da cidadanía como protagonista, polo que o seu partido apostou por integrarse nas Mareas na pasada cita electoral.


En vista do éxito das Mareas, o histórico dirixente nacionalista apostou por que “aquelas organizacións políticas que abranguen o ámbito de Estado poidan articularse con iniciativas que son da nación galega, euskaldún e catalá”. “Pero mantendo a nosa identidade como nación galega e non como apéndice dunha marca política porque non é necesario. Sexa Podemos, IU ou Santo Antonio de Padua ", resolveu.


Preguntado por se a proposta do BNG lle queda pequena, Beiras subliñou que é “un erro”. “Confundir a nación galega co espazo do nacionalismo é un erro”, opinou, para logo precisar que a nación galega son tamén “tódolos demais cidadáns” que, a pesar de non ter conciencia desa nación, teñen “sentimento” de ser galegos e, polo tanto, “hai que atraelos e incluilos”.


“Se ti dis que a nación galega só somos os nacionalistas estás a excluír aos demais e iso confina ao Bloque no que está reducido hoxe, á inversa do que facía nos anos 80 e 90,”, argumentou.


“DENDE GALICIA PARA ESPAÑA”

Preguntado por unha posible proximidade a ‘Ahora en Común’, Beiras fixo fincapé na necesidade de “organizarse” dende Galicia para “dialogar” con forzas do ámbito estatal que teñan “fórmulas inclusivas” para o que Anova reclama.


“A nós non nos van presentar candidaturas dende fóra de Galicia, somos nós os que, se en Galicia nos organizamos, dialogaremos con aqueles que, a nivel do Estado, teñan fórmulas que sexan inclusivas para o que nós reclamamos. E non con aquelas que nos convertan en apéndices”, asegurou tras ser preguntado por ‘Agora en común’, plataforma que recibiu o apoio explícito do alcalde de Ferrol, Jorge Suárez.


Ao fío disto, Beiras remarcou que a alternativa “non é dende España para Galicia”, senón “dende Galicia para España”. “A ver se desta puñetera vez non hai frustración e acaban de entender o que nós conseguimos entender”, resolveu.

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE