#Claves de la semana
SANTIAGO DE COMPOSTELA

Beiras: "Se Podemos non abandona o sucursalismo non haberá candidatura unitaria"

O portavoz nacional de Anova cre que as eleccións catalás serán "decisivas" para saber que postura adoptará finalmente o partido de Pablo Iglesias


|

O portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, afirmou que, se Podemos non abandona o sucursalismo, "vai ser imposible unha candidatura unitaria" en Galicia para as eleccións xerais.


Nunha entrevista na Radio Galega, o dirixente nacionalista analizou a situación actual das negociacións para lograr esa candidatura de unidade popular e as posturas das principais forzas.


Así, recoñeceu que Podemos "deu pasos", pero "non dá os suficientes" e agregou que "mentres Podemos siga insistindo nunha visión centralizada" e entenda "que calquera candidatura aquí ten que ser simplemente como unha sucursal, chámese como se chame, vístase como se vista, de Podemos e, polo tanto non sexa Galicia como pobo quen apareza aí, entón mentres iso non se resolva, vai ser imposible unha candidatura unitaria".


En opinión do deputado de AGE, "as eleccións catalás van ser decisivas para o que definitivamente adopte como posición Podemos para as eleccións a Cortes en Galicia".


En calquera caso, apostou por unha candidatura "non apéndice de nada e non subordinada a ningunha outra candidatura de nivel estatal"

.

Aínda que respondeu con condicionantes, considerou "prematura" unha resposta a se se presentaría a eses comicios, pero aproveitou para sinalar que unha decisión prematura "tomouna Podemos na asemblea de Vistalegre" cando decidiu presentarse como tal ás eleccións xerais, cando faltaba máis dun ano, "e agora ten problemas con iso", opinou.


No entanto, Beiras tamén criticou a posición do BNG, ao que recoñeceu así mesmo que deu "pasos", e dixo que "é moi difícil que, de súpeto, actores que tiveron unha formulación nunha pauta de conduta e de actuación determinada, que non é precisamente a que podería ir nunha liña de converxencia, teñan que reformular as súas posicións".


Así, dixo que o "novo actor importante" son as mareas, que cualificou de "urxencia da cidadanía" e son un mundo "mestizo", que non se expresa "en clave ideolóxica politicamente nacionalista, pero si de esquerda, e que asume a identidade de Galicia como pobo, mentres que o BNG segue coa súa idea de que o protagonista fundamentalmente teñen que ser as forzas nacionalistas".


Para o veterano político, a "clave" está "en que se encaixen tres pezas fundamentais", o "novo suxeito emerxente que son as mareas", as forzas políticas rupturistas, "polo menos co ultraliberalismo", sexan nacionalistas ou non, e "o tecido asociativo da cidadanía, do que case nunca se fala, pero é moi importante".


A pesar de que considera que o proceso de confluencia avanza, tamén barallou como hipótese que se puidesen dar tres alternativas, a do BNG e a súa contorna, a das mareas e a de "Podemos guión ou guión Podemos".


Preguntado se encabezaría unha candidatura de unidade popular, afirmou que o seu "ciclo político está rematado" e se atopa no "epílogo", que "pode ser longo, pero non hai capítulos despois do epílogo".


Tamén recordou que dixera que non se volvería a presentar, pero agregou que, se en "determinadas condicións" pode achegar, non o rexeita de entrada e podería reconsideralo.

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE