#Claves de la semana
CASO GARAÑON, LUGO

O avogado do promotor do Garañón, en Lugo, di que éste aceptou as condicións do Concello

O avogado de Besteiro di que se lle está alargando a "pena de banquiño" sen indicios de delito



|

Javier Calvo a saída dos xulgados


O avogado do promotor da urbanización lucense do Garañón, Javier Calvo, afirmou tras declarar como imputado ante a xuíza Pilar de Lara que o seu cliente, Ricardo Iglesias, non tomou “ningunha decisión” e se limitou a aceptar “unhas condicións que o poñía o Concello para poder desenvolver (o proxecto)”. Este avogado compareceu este mércores como imputado por un delito contra a ordenación do territorio ante a xuíza Pilar de Lara no marco da causa na cal tamén permanece imputado o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro.


Tras permanecer nos xulgados lucenses en torno a dúas horas, Javier Calvo afirmou que respondeu a todas as preguntas que se lle formularon e que el se limitara “a traballar como avogado para redactar un convenio urbanístico e asesorar para facer unhas xestións urbanísticas de desenvolvemento”.


Así, sobre a súa imputación, apuntou que entendese “mellor” que fose chamado a declarar como testemuña, aínda que admitiu que ao mellor a xuíza puido entender que iso podería “xerar algún conflito co cliente”, o promotor Ricardo Iglesias, quen tamén está imputado nesta causa e a quen segue representando.


Precisamente, cando declarou ante Pilar de Lara, o promotor das torres do Garañón explicara que non foi el quen se ocupou dos trámites previos para poder edificar na parcela, senón que foron os seus avogados.


ACEPTAR AS CONDICIÓNS OU IR A PREITO


Sobre o seu cliente, Javier Calvo ratificouse en que “decisión non tomou ningunha”, salvo “aceptar unhas condicións que lle poñía o Concello para poder desenvolver ou ben non as aceptar e ir a preito”.Entón a decisión que tomou Ricardo foi esa: imos deixarnos de preitos, imos aceptar as condicións que nos fixan dende o Concello e prepara o documento, redacta o convenio e listo”, relatou.


Ademais, o letrado explicou que o seu interrogatorio “a ciñou a cuestións técnicas e xurídicas”, de forma que contestou a preguntas que lle formularon “sobre a compra do terreo, sobre a preparación do que é o convenio urbanístico, sobre a finalidade sobre a cal se facía ese convenio e logo sobre como fora a redacción do proxecto de urbanización e os problemas que houbo no futuro”.


DEFENSA DE BESTEIRO


Conde Pumpido, avogado de Gómez Besteiro no caso Garañón


O avogado Cándido Conde-Pumpido, defensor do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, afirmou este mércores que non hai "indicios de delito" na súa actuación como antigo edil de urbanismo en Lugo en relación coas supostas irregularidades na licenza de edificación á leira do Garañón.


Conde-Pumpido fixo estas afirmacións á saída dos xulgados de Lugo, logo de asistir á declaración como imputado do avogado do promotor das polémicas torres do Garañón, Javier Calvo, e considerou que o caso debería ser arquivado.

"É unha declaración que foi na mesma liña que as declaracións anteriores. O avogado confirmou que o único interese que había por parte do Concello era reducir a edificabilidade e gañar zonas verdes para a cidadanía de Lugo", dixo o letrado.

Conde-Pumpido reiterou que "a edificabilidade" da parcela do Garañón "xa viña dun plan anterior", de modo que "non é unha cuestión que se fixo un convenio para poder edificar", senón "todo o contrario, para reducir a edificabilidade e gañar zonas verdes".

 

RECURSO DE NULIDADE


O representante legal de Besteiro tamén indicou que a defensa presentou un "recurso" para solicitar a nulidade de toda a causa, pero "non se lle está dando trámite", porque a xuíza instrutora pediu que dividise en "múltiples recursos", algo que ao seu xuízo "non tiña moito sentido".

"Nestes momentos, no canto de estar a tratar a cuestión de fondo", engadiu, "estamos a tratar se se admite ou non se admite ese recurso", pero "como non se lle está dando trámite, nin foi posible que o informe o fiscal", tampouco foi "posible que se pronuncie a xuíza" nin, en apelación, a Audiencia provincial.

Apuntou que tamén hai unha petición de sobresemento da causa, acompañada "de toda a –proba– documental" que o propio Besteiro presentou nunha conferencia de prensa para "expor publicamente e que se vise claramente" que pagara o seu piso dunha forma "totalmente correcta". En canto a esa petición de sobresemento, precisou que "non se lle deu traslado ao resto de partes" da mesma.


"PENA DE BANCO"


Na súa opinión, a Besteiro "estáselle alargando" a coñecida como "pena de banco", porque "non existen indicios de delito de ningún dos delitos que inicialmente se lle imputaban". 


"Primeiro díxose que se lle regalou un piso" pola súa xestión como edil de urbanismo no proceso do Garañón, pero "comprobouse que non, que non se lle regalou; e logo cambiouse e díxose que tiña que acreditar como se pagou, e acreditouse como se pagou e que non hai ningún tipo de irregularidade".

De feito, sostén que tamén "se acreditou" que as obras de reforma realizadas nese piso, tamén baixo sospeita por parte da xuíza instrutora, "están pagadas e que se pagaron antes do inicio dese procedemento".

Polo tanto, "a pesar de que se foi cambiando o título polo cal se lle estaba imputando", o letrado sostén que "non existe ningún tipo de indicio de criminalidade e, polo tanto, debería sobreseerse a causa e arquivarse canto antes", comentou.

Conde-Pumpido expresou a súa confianza no sobresemento porque "aquí non hai indicios delituosos e, polo tanto, a xuíza debería de velo", concluíu.

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE