Madrid, Santiago e Segovia serán as próximas paradas do documental ‘Frankenstein-04155′
A plataforma de vítimas Alvia 04155 denuncia unha “provocación” por parte dun representante do sindicato de maquinistas Semaf a un colaborador do documental, no transcurso da súa estrea na Seminci.

Frankestein-04155. Fotograma
O Círculo de Belas Artes de Madrid, o festival Cineuropa en Santiago de Compostela e a mostra de cinema europeo de Segovia (Muces) son algunhas das próximas paradas do documental ‘Frankenstein-04155′, sobre o accidente do Alvia en Angrois, antes da súa chegada ás salas comerciais de cinema, en decembro.
Ademais destas proxeccións, o equipo da película ten prevista outra para o 1 de decembro no Matadoiro de Madrid, onde o seu director, o ourensano Aitor Rei, espera poder contar coa presenza de Fernando Trueba, con quen compartiu impresións durante a semana internacional de cinema de Valladolid (Seminci), na que se estreou a fita este martes.
Trueba recibía a ‘espiga de honra’ do festival valisoletano á mesma hora en que a sala Lava acollía un emocionante visionado para as vítimas do sinistro ferroviario presentes no auditorio, polo que, durante un encontro na benvida do certame, trasladou a Rei que intentaría ir ver o documental ás naves do Matadoiro madrileño.
Así as cousas, a próxima cita con ‘Frankenstein-04155′ (como os profesionais do mundo ferroviario bautizaron a este Alvia por estar feito a partir de pezas doutros modelos) será o sábado 7 de novembro no Círculo de Belas Artes.
Xa o 18 de novembro, mércores, o ‘filme’, que denuncia un sobrepeso do tren e repasa as distintos fitos da instrución xudicial, agora pechada co maquinista como único imputado, será exhibida na capital de Galicia, na XXIX edición do festival Cineuropa.
O luns 23 de novembro recalará en Segovia, en Muces, a mostra de cinema europeo desta localidade, certame que este ano celebra a súa décima edición.
En canto aos cines comerciais, o comezo das proxeccións prevese para decembro e a produtora de ‘Frankenstein-04155′, Boneca Lareta, xa ten pechadas varias salas.
“PROVOCACIÓN” DO SEMAF
Por outra banda, a plataforma de vítimas Alvia 04155 denuncia unha “provocación” por parte dun representante do sindicato de maquinistas Semaf a un colaborador do documental, no transcurso da súa estrea na Seminci.
A asociación lamenta o feito ao consideralo “moi desagradable e groseiro” e relata como “poucos minutos antes” do inicio da proxección un membro “da cúpula” do sindicato “provocou directamente” a un dos colaboradores coas vítimas e co equipo de ‘Frankenstein-04155′.
Segundo indica, este sindicalista fixo “unha peita en público ante o asombro dos asistentes e de varios membros da produtora Boneca Lareta”. “Un acto de moi baixa catadura moral dun colectivo que non quixo colaborar nin coas vítimas nin coa verdade”, critica a plataforma.
“E ademais -agrega-, nun día tan importante e sinalado para as vítimas e familiares dun accidente que deixou 81 mortos e máis de 140 feridos”.
Así as cousas, as vítimas censuran este acto como “unha provocación ameazadora aos que si tiveron a decencia de dar a cara e axudar en todo o que han podido ao esclarecemento da verdade”.
Por iso, piden a dimisión do devandito, Francisco Badillo Trigo, das filas de Semaf e esperan “que o resto de traballadores tome nota do desprestixio público que supón para Renfe e o Semaf este tipo de accións”.
Escribe tu comentario