#Claves de la semana
I SIMPOSIO INTERNACIONAL SOBRE XESTIÓN DA COMUNICACIÓN

Internacionalización e o cambio nas formas de consumo o “novo paradigma da comunicación”

Perto de cen investigadores presentaron os seus proxectos ao longo das dúas xornadas do congreso


|

Miguel Moragas


"Despois de a comer, traballar e durmir, ao que dedicamos máis tempo é a consumir medios”. Deste xeito puña de relevo Roberto Suárez, director do Media Intelligence Service da Unión Europea de Radiodifusión, a importancia que ten a xestión da comunicación nunha sociedade na que a internacionalización dos mercados e as novas formas de consumo de contidos obrigan a un debate sobre o papel que deben xogar os servizos públicos de información no século XXI. 


Un debate que na mañá do pasado venres centrou o arranque na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do I Simposio Internacional sobre Xestión da Comunicación Dos medios aos metamedios, que organiza a rede de investigación Xescom, e no que o presidente da Asociación Española de Investigadores en Comunicación (AE-IC), Miquel de Moragas, incidiu na necesidade de afondar no cambio que se ten producido “na tipoloxía dos medios”, que deu pé a un “novo paradigma da comunicación”.


“Na sociedade actual, na chamada sociedade da información, xéranse múltiples demandas que deben ser cubertas por unha nova política democrática de comunicación”, salientou Morgas na inauguración dun congreso organizado pola rede Xescom, que coordina o grupo de investigación Novos Medios da USC e da que forman parte os grupos Necom e Mile, da Universidade de Vigo, e iMarka, da Universidade da Coruña. No marco das actividades desta rede, que conta con financiamento da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta, este simposio reunirá durante dúas xornadas no campus a preto dun cento de investigadores e investigadoras de diferentes países para abordar desde múltiples perspectivas as transformacións que está a vivir o “ecosistema mediático” nesta “era dixital”, como a definiu Moragas.

López, Pereira, Torres e Moragas, na inauguración do primeiro simposio da Xescom (de izda. a deta.)


De aí que a decana en funcións, Emma Torres, incidise en que “podemos estar ante un punto de inflexión no que é a investigación en comunicación”, na inauguración deste simposio, na que estivo acompañada polo vicerreitor de Comunicación e Coordinación da Universidade de Santiago, Xosé Pereira, quen incidiu no valor do “traballo en rede” á hora de afondar nas “novas dinámicas da comunicación”. De aí que o coordinador do grupo Novos Medios e secretario da Asociación Galega de Investigadores e Investigadoras en Comunicación (Agacom), Xosé López, puxese o acento na “vontade de continuidade” de Xescom, que, ademais de aos cinco grupos das universidades galegas, agrupa tamén a investigadores e investigadoras de Portugal, Brasil, Ecuador, México e Colombia, e que desde a súa constitución, no 2014, ten participado en cinco proxectos internacionais e outros catro nacionais de investigación, así como publicado 65 artigos e comunicacións científicas.


OS MEDIOS PÚBLICOS E AS NOVAS "POLÍTICAS DEMOCRÁTICAS DA COMUNCACIÓN"


Analizar como afecta “o momento actual de transformación dos medios ao servizo público de información” foi o eixo da intervención coa que Moragas deu inicio a este simposio, no que puxo de relevo a necesidade de analizar como dar resposta a “todas as necesidades de información que xera a sociedade moderna”. Nese senso, incidiu en que na actualidade, as institucións culturais, as ONG ou as propias universidades téñense transformado en “institucións de comunicación”, con capacidade de “producir continuamente información”. 


O profesor da Autónoma de Barcelona recalcou a necesidade de analizar que papel poden xogar organismos como as radios e televisións públicas á hora de “dar soporte a esa xeneralización do servizo público da información”, nun “panorama moito máis complexo”, que obriga á revisión das “políticas democráticas da comunicación”, co propósito de dar resposta á demanda de información da sociedade en ámbitos como a saúde, a educación, e entretemento ou a cultura. E nese camiño, apuntou o presidente da AE-IC, cómpre tanto evitar que “se impoña o criterio exclusivo da comercialización”, como realizar unha “boa diagnose de cara onde vai o sistema comunicativo”.


OS NOVOS ACTORES QUE DOMINARÁN O AUDIOVISUAL


“Aínda que moitos intentan facernos crer que os servizos públicos xa non teñen razón de ser porque o mercado vaino solucionar todo, as razóns do servizo público, dos medios que están ao servizo dos cidadáns, son hoxe máis fortes ca nunca”, engadiu nese mesmo senso Roberto Suárez, representante dunha asociación que agrupa a radios e televisións públicas de 76 países, e que centrou o relatorio inaugural, presentado polo director de Comunicación da CRTVG e secretario xeral da Asociación Europea de Televisións Rexionais, Fernando Ojea, nos retos de futuro do sector audiovisual. Con ese propósito, Suárez aludiu en primeiro termo á internacionalización dos mercados, que “a curto prazo vai a ter un impacto moi notable na viabilidade das nosas industrias nacionais e locais”, obrigadas a competir con grandes grupos, nun contexto de “concentración vertical e horizontal en certa maneira preocupante para o mercado audiovisual”. Ao mesmo tempo, “as fronteiras entre sectores estanse borrando”, o que motiva a entrada neste sector de empresas de ámbitos como as telecomunicacións, ao que se suma ademais a “fragmentación” da audiencia que provoca a proliferación de pantallas e de plataformas como Youtube.

Nese senso, Suárez destacou que se en 2007 existían 1,7 equipos por fogar cos que acceder a contidos audiovisuais, hoxe esa cifra é xa de 4,7, o que motiva “que a competencia pola atención se vise incrementada notablemente”. Por iso, incidiu en que na actualidade “xa non se fai radio e televisión como tal, senón contidos que tes que asegurar que están dispoñibles en todas as plataformas posibles, xa que do contrario corres o risco de ser irrelevante”, o que a súa vez provoca que os fabricantes destes equipos se teñan convertido “nos novos controladores do sistema”, ao erixirse tanto nos “definidores do modelo de negocio” como nos xestores “da visibilidade dos teus produtos”. 


WIKIMARATÓN


A facultade acolleu os relatorios do profesor da Universidade de Barcelona Javier Guallar, do vicerreitor da universidade portuguesa de Beira Interior Joao Canavilhas, e do investigador da Universidade de Hull (Reino Unido) Raphael Cohen, que centrará a conferencia de clausura no “lado escuro” das redes sociais.



Tambén acollereu, o psasdo sáado o primeiro  Wikimaratón do Audiovisual, unha reunión, presencia e virtual, promovida pola Academia Galega do Audiovisual e a Galipedia co propósito de crear e editar colectivamente unha serie de artigos desta enciclopedia virtual relativos ao audiovisual galego. 


Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE