#Claves de la semana
PREMIO DE NOVELA BLANCO AMOR 2015

Xavier Queipo gañou o XXXIV Premio Blanco Amor de Novela co a obra "Os Kowa"

O autor, natural de Padrón e residente en Bruxelas, é un novelista de longa traxectoria dentro da literatura galega


|

A XXXIV edición do premio de novela longa Eduardo Blanco Amor, que organiza a Deputación de Ourense, outorga o premio á obra Os Kowa, de Xavier Queipo. O ditame do xurado deuno a coñecer este venres no Centro Cultural Marcos Valcárcel o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, acompañado polos membros do xurado: Luis González Tosar e Bieito Iglesias, escritores; Malores Villanueva, profesora, e os críticos literarios Armando Requeixo e Francisco Martínez Bouzas


Xavier Queipo, natural de Padrón e residente en Bruxelas é un novelista de longa traxectoria dentro da literatura galega. O premio ten unha dotación económica de 12.000€, outorgándoselle asemade ao premiado unha obra do escultor ourensán Acisclo Manzano, realizada especialmente para este premio.


Segundo explicou Malores Villanueva, secretaria do xurado, Os Kowa é "unha historia trepidante que se desenvolve entre Europa e a Amazonia cun trasfondo de diálogo de identidades culturais de respecto pola diversidade e pola natureza. Está narrada con brillante oficio e dela destaca a súa calidade". Luis González Tosar, como portavoz do xurado, destacou a gran satisfacción do xurado "pola participación e a calidade das obras presentadas", e engadiu "agradecer á Deputación de Ourense por ter organizado o certame na presente edición". 


 No pasado ano 2014, cando se cumprían 35 anos do pasamento de Blanco Amor, a Deputación de Ourense asumiu o compromiso de exaltar a figura deste autor, polo que, entre outras accións, decidiuse asumir a organización deste premio literario, e a creación dunha fundación co nome do escritor para a difusión e valorización da súa obra. Nesta liña, Rosendo Fernández asegurou que este premio "amosa o compromiso que ten a institución provincial coa difusión e posta en valor da figura de Blanco-Amor, o autor que inmortalizou Auria na súa obra".


A entrega do premio levarase a cabo nun acto literario que se celebrará o vindeiro 1 de decembro, data na que se cumpren 36 anos do pasamento de Blanco Amor.  A xornada comezará cunha ofrenda floral diante da campa de Blanco Amor, no cemiterio de San Francisco, organizada polo Centro Pen de Galicia, e culminará coa entrega do premio.


No transcurso do debate do xurado para deliberar o ditame do premio coñeceuse a nova do falecemento do ilustre escritor Xosé Neira Vilas, polo que Luis González Tosar afirmou que a mellor maneira de honralo hoxe "é traballando como estabamos aquí, a prol da literatura de Galicia, pola que el loitou durante os seus 87 anos de vida".

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE