#Claves de la semana

Xunta e Concello de Vigo impulsan a cooperación para definir conxuntamente solucións á anulación do PXOM

Mato ve "grave" a situación e Caballero atribúe as esixencias de responsabilidade aos que "queren ter presenza política"


|


A Xunta de Galicia e o Concello de Vigo decidiron impulsar a cooperación entre ambas as dúas administracións para que sexan as dúas, conxuntamente, as que definan solucións á anulación por parte do Tribunal Supremo (TS) do plan xeral de ordenación municipal (PXOM) da cidade olívica.


O "impulso político" a esta colaboración estivo marcado pola reunión, este mércores en Santiago, entre a conselleira de Medio, Beatriz Mato, e o alcalde vigués, Abel Caballero, que analizaron a situación en que deixa a Vigo a sentenza do Supremo durante algo máis de media hora.

Mato e Caballero estiveron acompañados, entre outros, polo delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e a concelleira responsable de urbanismo, María José Caride, que estaba á fronte da consellería cando se deu visto e place ao plan.

Ao termo do encontro, compareceron ante os medios de comunicación e coincidiron en subliñar a "cooperación" entre ambas as dúas administracións na busca de solucións, pero evitaron precisar qué vías se barallan, e qué proxectos en marcha poderían salvarse desta decisión.

Ambos os dous dirixentes tampouco achegaron prazos, pero subliñaron que a intención é "axilizar" os trámites e "minimizar ao máximo" as consecuencias.

"SITUACIÓN DIFÍCIL E DURA"

A situación en que queda a cidade olívica tras a anulación do PXOM é "grave, difícil e dura" para a conselleira Beatriz Mato, quen afirmou, tras "escoitar de primeira man a preocupación que existe entre os vigueses", que este contexto fai necesaria "toda a máxima colaboración" para intentar "minimizar todo o posible" efectos prexudiciais.

"Por iso chamei persoalmente ao alcalde, para ter esta reunión e para ofrecerlle toda a colaboración que precise no ámbito técnico e no ámbito xurídico, para axudalo nos pasos que dende o Concello haxa que dar para intentar arranxar esta situación", destacou.

Así, mostrou a "vontade da Xunta de estar cos vigueses e agora co Concello" para "avanzar nesa colaboración necesaria" e da que este primeiro encontro "acaba de sementar os primeiros piares".

"SENTENZA INESPERADA E EN CONTRA DO TSXG"

Pola súa banda, Caballero agradeceu "moito" a Mato "a chamada e a conversación", e proclamou que, despois "da paralización" do PXOM, que "é radicalmente nulo pola sentenza", é "o momento de buscar solucións".

Ao respecto da sentenza, dixo que foi "inesperado" e confrontou que sostén "exactamente o contrario do que dixo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia" no seu día. "Ben, pero isto é a norma legal e polo tanto é o Supremo o que marca a sentenza definitiva e a decisión definitiva", asumiu.

Caballero valorou que a "marcha" ha de ser "conxunta para resolver os efectos colaterais e os centrais" da anulación do plan e "en consecuencia facer que o impacto sexa o menor posible".

"As dúas administracións xuntas seguro que podemos facer un camiño moito mellor que sen a cooperación e seguro que somos capaces de buscar solucións que signifiquen minorar o impacto e os problemas que esta sentenza causan a sectores urbanísticos e económicos da cidade", afondou.

"A XUNTA, PARTE ACTIVA"

A preguntas dos xornalistas sobre qué vías concretas se estudan seguir, o rexedor vigués subliñou que a Xunta, nisto, "é parte activa" e "non unha parte secundaria", polo seu papel en todas as tramitacións urbanísticas.

Pero "qué día, que forma e con qué mecanismo" se resolverá a conxuntura creada é unha resposta, argumentou, que terán que dar "conxuntamente" os técnicos da consellería e da Casa do concello.

Pola súa banda, interpretou que o seu rol e o da conselleira "é o impulso político, poñer en marcha un mecanismo cooperador e tratar de que proxectos moi importantes en marcha non teñan ningunha demora ou a menor posible".

"TODO AO SEU TEMPO"

Cuestionado, en concreto, sobre qué proxectos poderían desbloquearse, respondeu que "todo ao seu tempo", expresión que repetiu ata en tres ocasións.

Tamén interrogado sobre se xa se baralla a posibilidade de que haxa que elaborar un novo plan, resolveu cun "todo iso xa verase". "Se nós empezamos a tomar decisións ao mellor son precipitadas", expuxo, para xustificar que sexan os técnicos os que determinen as decisións a tomar, pois eles "coñecen a forma de facelo".

"TÓDOLOS INSTRUMENTOS A DISPOSICIÓN"

Pola súa banda, Beatriz Mato, ante estes requirimentos específicos, indicou que "hai distintos instrumentos de ordenación do territorio que poden ser utilizados" e apelou a que, nesa colaboración, os técnicos deberán seleccionar cáles son válidos.

"Os técnicos terán que definir eses instrumentos e terá que priorizar o Concello, que é o que é o competente, os pasos a dar," constatou.

Mentres, chamou a atención, a Xunta "está para dar resposta a todas as tramitacións de ordenación que se pacten e acorden e sexan as necesarias e as prioritarias despois de que o Concello faga chegar eses proxectos".

"Serán todos os instrumentos de ordenación que temos á nosa disposición os que poremos sobre a mesa e a disposición do Concello", recalcou a titular de Medio.

"REDUCIR PRAZOS AO MÁXIMO"

Mato, que recoñeceu que os prazos da ordenación "son sempre longos no tempo", se fixou o propósito de "dar o máximo impulso" tanto dende a Casa do concello olívico coma dende o Goberno galego "para que eses prazos se reduzan ao máximo posible". Agora, finalizou, son dous as administracións "traballando no rigor e na axilidade da tramitación".

De novo preguntados por se existe algunha vía intermedia que solucione a anulación do plan pero non implique a elaboración dende cero dun novo, o alcalde apuntou que "todo ao seu tempo" mentres a conselleira afirmaba que haberá que estudalo.

ESIXENCIA DE RESPONSABILIDADES

Por último, ao respecto da esixencia de responsabilidades, Abel Caballero rexeitou pronunciarse, ao aseverar que el se dedica a falar "de cousas importantes" e atribuír as críticas a "xentes que queren ter presenza política para atopar un espazo e saír nos medios".

"¿Vostedes cren que falando de temas tan importantes como un plan de ordenación urbana da cidade máis importante do norte e do oeste de España imos a estar a falar agora de xentes que queren ter presenza política para atopar un espazo e saír nos medios? , Non home, nós falamos de cousas importantes", finalizou.

RESOLUCIÓN

O Supremo admitiu un recurso interposto pola asociación Alternativa Veciñal de Vigo contra unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), e declarou nulo o PXOM de Vigo.

Na súa resolución, estima un dos motivos polos que os denunciantes pretendían que se anulase a sentenza do alto tribunal galego, e é que o plan xeral vigués carece de plan de avaliación ambiental estratéxica. 

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE