#Claves de la semana
DECLARACIÓN DE TUY

A Deputación de Pontevedra e a CIM Alto Minho asinan a "Declaración de Tui" para potenciar o Miño como "o río que nos une"

Representantes dos organismos provinciais galego e portugués asinan un acordo marco para crear un novo organismo de cooperación transfronteiriza


|

A "Declaración de Tui" deixou claro o pasado sábado que o río Miño é un elemento de unión, un elemento central dun territorio con características, cultura e obxectivos comúns. O documento asinado hoxe no Parador de Tui é o xerme dunha nova asociación de cooperación entre os concellos pontevedreses e portugueses para potenciar o río Miño, unha nova ferramenta para unir o territorio transfronteirizo aproveitando as súas características e intereses compartidos. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o presidente da CIM Alto Minho, José María da Cunha Costa, así o manifestaron hoxe tras asinar o documento que confirma a súa vontade para traballar en conxunto e constituír un novo organismo de cooperación que actúe como foro permanente de debate no que estean representados todos os actores institucionais e sociais que integran a área transfronteiriza e que desenvolva proxectos conxuntos para acollerse a programas comunitarios no ámbito da Cooperación Territorial Europea.


A Deputación de Pontevedra, organizadora do acto, decidiu que a sinatura se realizase simbolicamente hoxe 13 de febreiro debido á coincidencia co aniversario do Tratado de Lisboa de 1668 polo que se declarou a paz entre España e Portugal, que permitiu a independencia do estado luso fronte á coroa española. "O 13 de febreiro será un día que lembraremos e co paso do tempo teremos consciencia real da súa importancia", dixo Silva, para engadir que "o Miño é a fronteira de auga que separaba dous territorios que tiñan todo en común e que a falta de intelixencia separou. Hoxe, 348 anos despois da data histórica de separación, nós somos homes e mulleres que nos dedicamos a poñer en valor a intelixencia, que se demostra coa cooperación, a capacidade de entenderse e os proxectos comúns. Temos que poñer en marcha os nosos soños".


A presidenta subliñou, para finalizar a súa intervención, que "a Declaración de Tui" permitirá o desenvolvemento dos concellos "a un e outro lado deste río de fermosura extraordinaria, coma unha arma pacífica que permita demostrar que hai que mirar para este territorio". Tamén sinalou que "non se entendería" que os proxectos que se presentaron para obter fondos europeos non fosen aceptados.


O Miño, unha gran potencialidade


Pola súa banda, o deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, sinalou que o río Miño ten que deixar de ser concibido como un límite ou fronteira "para pasar a ser o centro arredor do que sucede todo". Benítez destacou que a "Declaración de Tui" para a creación dunha nova Asociación Europea de Cooperación Transfronteiriza (AECT) simboliza o inicio do camiño dunha unión natural do territorio que debe ser recoñecida polas administracións. "O río é o centro natural común que temos. É a nosa maior potencialidade nunha área de influencia na que se moven uns tres millóns de persoas (entre Vigo e O Porto) e na que hai moitos sectores socioeconómicos que desenvolver".


O deputado nacionalista, ademais de apostar por un fortalecemento do turismo e os sectores produtivos, tamén aproveitou de xeito informal para reivindicar a unificación de horario e lingua na zona. Lembrou, así mesmo, a viñeta de Castelao na que un fillo lle preguntaba a un pai, mirando cara ao outro lado do Miño: "Entón aqueles son máis estranxeiros que os de Madrid?", para insistir en que a vida e o sentir dos veciños da "raia" teñen moito máis en común do que as administracións teñen recoñecido ata o momento.


Benítez lembrou que a cooperación transfronteiriza é un dos medios máis eficaces para a aproximación das poboacións arraianas e a promoción do desenvolvemento económico, social e cultural dos concellos do Miño. Sinalou que no ano 2006 a Deputación de Pontevedra subscribiu coa Comunidade Intermunicipal do Vale do Minho un convenio de cooperación para a constitución de Unimiño-Asociación do Val do Miño Transfronteirizo, para promover a cooperación entre ambas as rexións nos ámbitos da cultura, o deporte, o lecer, o patrimonio, o turismo, o ambiente, os recursos naturais e a protección e o aproveitamento conxunto do río Miño. Debido a que a Unimiño rematou o seu cometido fundacional "é preciso continuar este labor empregando os novos instrumentos de cooperación previstos actualmente, aproveitando a experiencia e, ao mesmo tempo, lanzando unha nova estratexia de cooperación no marco da Estratexia 2020 da UE".


O alcalde de Tui, concello anfitrión do acto, tamén quixo facer referencia á necesidade de programas de vertebración do territorio para compartir servizos e infraestruturas que permitan a mellora do pobo: "os tempos e a cidadanía van nesa dirección", insistiu. Neste sentido, reivindicou a necesidade de eliminar os atrancos administrativos que non permiten que veciños que viven a 100 metros entre si poidan mellorar a súa calidade de vida en conxunto. "O primeiro proxecto europeo que habería que facer é demandar da Unión Europea procedementos máis fluídos e que os atrancos se vaian eliminando paulatinamente".


Máis atención ao territorio transfronteirizo


O máximo representante portugués no acto, o presidente da CIM Alto Minho, José María da Cunha Costa, aproveitou o acto tamén para reivindicar maiores facilidades da UE para levar adiante proxectos de cooperación transfronteiriza e que as actuacións beneficien fundamentalmente os territorios máis próximos ás fronteiras. "As zonas de fronteira son as menos desenvolvidas e territorios tradicionalmente abandonados nos que hai máis dificultades, por iso os programas europeos débense aplicar aí, e por iso todas as manifestacións de vontade de colaboración son importantes, como esta 'Declaración de Tui', que supón a posta en marcha dun novo instrumento de colaboración".


Da Cunha quixo lembrar, así mesmo, que, nun momento no que a Unión Europea está a falar de fronteiras "con moitas sombras", "que naza a luz demostrando que hai pobos que queren derrubar esas fronteiras e cooperar, como se demostra coa 'Declaración de Tui', é algo moi a ter en conta". "Estamos nun momento histórico", finalizou.


Pola súa banda, o presidente da Câmara de Valença do Minho, Jorge Mendes, tamén sinalou a necesidade de que os fluxos de cooperación da Unión Europea estean centrados nas fronteiras e revertan nos concellos da zona. "Temos que deixar claro que o Miño é unha referencia natural, económica e social. Temos que coidar o río e dar unha mensaxe de unión porque estamos discriminados e temos que preservar o noso patrimonio", dixo.


Presentación da candidatura aos programas Interreg V A-POCTEP


Ademais da sinatura da "Declaración de Tui" o acto de hoxe no Parador de Tui serviu para presentar publicamente os proxectos presentados na candidatura do río Miño aos fondos comunitarios dos programas Interreg V A-POCTEP. Con esta candidatura galego-portuguesa presentada pola Unimiño preténdese conseguir un investimento de máis de 7,5 millóns de euros no territorio transfronteirizo co fin de consolidar a zona como destino turístico de calidade e atraer millóns de potenciais visitantes da área de influencia e do exterior.


O presidente de Uniminho e da Câmara municipal de Melgaço, Manuel Batista, foi o encargado de explicar os pormenores da candidatura no acto do Parador de Tui. Sinalou que se pretende crear a marca "Río Miño" a través de actividades transfronteirizas de preservación, cualificación e valorización ambiental cunha xestión e estratexia conxunta que permita involucrar a todos os sectores da zona. Neste sentido, e para finalizar o acto, o deputado Uxío Benítez agradeceulles a alcaldes, representantes doutras administracións e organizacións colaboradoras a súa implicación no proxecto.

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE