Foi o primeiro presidente de ATEO, a Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense

Albino Núñez, mestre da renovación educativa en tempos de escuridade

|

“Ninguén como Albino Núñez comprendeu a necesidade dunha renovación profunda das institucións docentes, da metodoloxía e dos contidos que se traballaban nas escolas”. Deste xeito, resume a docente Manuela Maseda a relevancia da figura de Albino Núñez, mestre republicano referente no panorama educativo ourensán do primeiro terzo do século XX. Na súa tese de doutoramento, Maseda analiza a renovación escolar que tivo lugar nese período en Galicia a través da revisión do pensamento e obras dun dos seus principais protagonistas. 


A tese, dirixida por Xosé Manuel Cid, leva por título A pedagoxía de Albino Núñez e a renovación escolar do primeiro terzo do século XX en Galicia e foi presentada na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense. “A idea de realizar este estudo xurdiu precisamente ao comprobar a falta de traballos sobre a figura de Albino Núñez, mestre que dende moi cedo comprendeu que era urxente e imprescindible sacar o sistema educativo do escuro túnel no que se encontraba”, explica a xa doutora. Núñez, apunta a investigadora, gozou dun sólido prestixio debido ás súas numerosas publicacións nas que abordou todo tipo de temas educativos, dende a didáctica das materias do currículo primario da súa época ata os temas de pedagoxía para a preparación das oposicións de maxisterio.


Manuela Maseda, diante da rúa no campus de Ourense, de Albino Nuñez


CATRO ETAPAS


A revisión histórica feita pola docente ourensá divide a traxectoria de Albino Núñez en catro períodos. A primeira etapa é a de formación, cando estudou Maxisterio. “Hai que recoñecerlle unha temperá faceta autodidacta que o levou a explorar e profundar nas novas correntes pedagóxicas que afloraban por distintos países europeos”, apunta Manuela Maseda. Na segunda etapa, pertencendo xa ao corpo de mestres, Núñez continuou co seu traballo autodidacta, inspirándose na obra de Claparède, Piaget e Decroly. Tamén se dedicou a preparar gratuitamente como experto orientador a un grupo duns 15 ou 20 mestres para as oposicións de 1928, grupo que logo sería o núcleo fundador en 1930 de ATEO, a Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense. “Neste grupo, cheo de inquedanzas, afondouse nos ideais democráticos, nas liberdades educativas, así como na problemática do corpo de mestres”, sinala a investigadora.


Na terceira etapa, Albino Núñez crea na comarca de Maceda un Centro de Colaboración Pedagóxica pioneiro no que se reúnen os docentes renovadores de toda a comarca para o intercambio de opinións e experiencias pedagóxicas. Ademais de presidir inicialmente ATEO, tamén dirixe a súa revista mensual Escuela del Trabajo, onde predomina a afinidade coa política pedagóxica da República e os postulados da educación nova. Aínda recoñecendo a súa gran valía como pedagogo, Núñez foi criticado polo sector máis extremista da asociación presidido por Luís Soto e acabou deixando a presidencia a finais de 1932 para dedicarse ás oposicións de graduadas.


Xa co comezo da Guerra Civil, o mestre opta por esconderse na súa aldea natal os tres anos de guerra, sendo expedientado coa separación do servizo dende o 31 de xullo de 1936 ata o 3 de decembro de 1958, data na que por orde ministerial resulta readmitido no corpo coa sanción de traslado fóra da provincia. Na posguerra, Albino Núñez, recolle a tese, empezou impartido clases particulares en Lugo (onde vivía coa súa irmá) e en Ourense e posteriormente en 1949 funda o centro de Estudios Galicia, “que supón un pequeno foco de cultura fronte á escola desoladora do momento”. Para a preparación das oposicións de maxisterio publica o libro Temas de Pedagogía. “A pesar de que o franquismo truncou a vida intelectual desta gran promesa do mundo educativo, pronto recupera a posibilidade de escribir, que iniciara na época da República, nas revistas Escuela del Trabajo e Escuela Vivida”, comenta Maseda. O mestre reabre a súa actividade como escritor colaborando cos exiliados en revistas como Fogar e Vieiros e traballando como columnista de múltiples xornais e revistas. Parte da súa obra foi reeditada polo seu fillo maior en dous libros titulados Romances da Terra Maina e Ensaios e artigos (1956-1973).


MODERNIZAR O ENSINO


“A través deste estudo ponse de manifesto que, desde moi novo, Albino Núñez tentou modernizar o ensino a través das novas correntes que chegaban de Europa, o que supoñía fuxir da máis fonda tradición espiritual española”, recalca Manuela Maseda. En moitos países de Europa, sinala, o neno era agora o eixe de todo o proceso educativo, baseándose nunha nova concepción da infancia: respecto e confianza no neno e na súa liberdade por parte do mestre. “Ademais, o docente tiña xa un novo papel, o de orientar, abrir camiños e mostrar posibilidades, pero respectando sempre a liberdade do neno. A relación mestre-alumno do modelo tradicional, baseado no binomio autoridade-obediencia, era substituída por unha relación de afecto e camaradería”, resume a docente. A relación directa de Albino Núñez con Claparède, con quen mantiña unha fluída relación epistolar, e o coñecemento profundo da súa obra, poñían de manifesto as súas ideas renovadoras europeístas. “A súa máxima preocupación pedagóxica era a de conseguir unha escola activa, na que primase a necesidade e o interese do neno”, comenta Maseda. Pero ademais, engade, Albino Núñez soubo aplicar as novas teorías da aprendizaxe na práctica diaria das súas clases. “O mérito de Albino Núñez estaba en saber motivar aos alumnos poñéndoos en predisposición para introducirse nos contidos. É dicir, sabía buscar todo tipo de relacións para facilitar a aprendizaxe”, indica a investigadora. 


UNHA TRAXETORIA NUN CONTEXTO


A traxectoria de Albino Núñez tamén serve á doutora para achegarse á evolución do ensino en Galicia e España. Neste percorrido, parte do analfabetismo de principios de século para continuar polas esperanzas que trouxo a II República, onde a formación permanente do maxisterio cobra novas dimensións coas asociación pedagóxicas, con ATEO e con outros instrumentos. “Cando comeza o século, máis da metade da poboación era analfabeta. Isto supoñía que a prioridade inicial era conseguir baixar todo o que fora posible os índices de analfabetismo a base dunha boa planificación educativa”, comenta a docente. Neste contexto, sinala Maseda, “o movemento de renovación das Escolas Novas foi o exemplo que se debía seguir se queriamos modernidade no ensino. Romper cos moldes arcaicos e trasnoitados que aínda perduraban e entender e aplicar os métodos que xa imperaban por media Europa era unha condición imprescindible para lograr un avance de peso no tema educativo”.

Coa II República pronto se incrementou o número de escolas e o soldo dos mestres. Tamén supuxo unha reorganización das antigas e novas asociacións de mestres, que entre outros moitos obxectivos, xestionaban cursos de formación permanente de mestres, organizaban as misións pedagóxicas e proporcionábanlles actividades educativas e culturais cunha dinámica nova. Por último, a tese tamén se achega ao proceso de depuración do maxisterio levado a cabo polos militares que se alzaron en armas en xullo de 1936. “Tiñan unha xustificación moi clara: consideraban os mestres como os impulsores do movemento republicano”, recalca Maseda. O remate deste tipo de procesos podía producirse de distintos xeitos: readmisión, traslado temporal ou exclusión do corpo de mestres. “Albino Núñez tivo que sufrir nas súas carnes esta última, cando aínda non pasaran dous anos de acadar, tan brillantemente e con só 32 anos, a integración no corpo de directores de graduadas de máis de seis seccións

”, comenta a investigadora. 


Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condiciones de uso Consejo editorial
Powered by Bigpress